O BNG solidarízase con Callón ante o esperpento do xuízo por defender a legalidade lingüística
A Coruña, 10 de maio de 2013.- O BNG participou esta mañá na concentración convocada no exterior da Audiencia Provincial con motivo do xuízo contra Carlos Callón, presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, por, precisamente, defender a lexislación en materia de lingua.
En declaracións aos medios antes de ter lugar o xuízo, o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, transmitiu o apoio e solidariedade da formación frontista con Callón, "porque estamos ante o mundo ao revés: o presidente da Mesa é xulgado, por segunda vez, por defender a legalidade en materia de lingua fronte a un xuíz que alardea de incumprir a legalidade". O xuízo a Callón cobra especial trascendencia cando quen vulnera a lei son, precisamente, as persoas encargadas de velar polo seu cumprimento e impartir xustiza, como é o caso do xuíz decano da Coruña.
Jorquera puxo de manifesto que "a actuación dos xuíces tamén está suxeita á crítica pública e, polo tanto, o dereito básico á liberdade de expresión ampara o dereito dunha persoa a criticar o comportamento dos xuíces, sobre todo cando estes, como é o caso, presumen publicamente de incumprir a legalidade, neste caso, respecto da única forma oficial do topónimo A Coruña".
O portavoz do BNG no Parlamento de Galiza puxo de manifesto que "estamos ante un feito realmente serio e grave, porque evidencia que hai moitos estamentos aos que aínda non chegou a democracia, que se caracterizan polo seu sectarismo antigalego e que se xactan de incumprir a legalidade en materia lingüística, de xeito reiterado".
Na concentración convocada ante o esperpento que se volveu vivir este venres, co procesamento dun cidadán cuxo único delito foi defender a legalidade vixente e recriminar o seu incumprimento, participaron numerosos representantes do BNG, como o secretario de Organización, Bieito Lobeira, a secretaria nacional de Implantación e Estratexia Municipal, Goretti Sanmartín, o portavoz no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril ou o responsábel comarcal, Paulo Carballada.
A orixe deste proceso disparatado, que roza o absurdo, e que moi grave desde o punto de vista democrático, está nunha denuncia do xuíz, Antonio Fraga Mandián, contra Carlos Callón logo de que o presidente da Mesa o denunciara publicamente por empregar nos documentos oficiais o topónimo "La Coruña". Após ir a xuízo e declararse a súa libre absolución, o presidente da Mesa volveu sentar no banco dos acusados da Audiendia Provincial da Coruña. E é que o denunciante presentou un recurso contra a sentenza definitiva, que non firme, ditada por este mesmo organismo.