O informe do CEDEX confirma a urxencia de dragar a ría do Burgo
A Coruña, 10 de maio de 2013.- O BNG pon de manifesto que o informe do CEDEX confirma a urxencia de dragar a ría do Burgo, unha demanda sobre a que levan insistindo durante anos as nacionalistas, que esixen que non se dilate máis o inicio dos traballos de rexeneración da ría.
O BNG defende que o Goberno central poña enriba da mesa, dunha vez por todas, un proxecto de limpeza integral e que o poña en común coa Plataforma. Así, as nacionalistas reivindican a interlocución do Goberno co colectivo.
Precisamente, a finais do mes de abril, o BNG tivo coñecemento da resposta do Goberno central a unha pregunta escrita formulada pola deputada Rosana Pérez no Congreso dos Deputados. Na resposta, o Goberno sinalaba que aínda tiña que proceder a facer unha nova campaña de toma de mostras polo CEDEX e a partir de entón se redactaría o proxecto correspondente e o seu estudo de impacto ambiental.
O BNG levou tanto ao Congreso dos Deputados como ao Parlamento de Galiza e aos Concellos numerosas iniciativas para que se comece, con carácter urxente o proxecto de rexeneración da ría, antes de que a UE volva sancionar ao Estado español polo seu lamentábel deterioro. As nacionalistas advirten de que a desidia do Partido Popular nas administracións que goberna está a levar as traballadoras do mar á desesperación.