O BNG tamén leva a Europa as verteduras de hidrocarburos que obrigaron a pechar a ría ao marisqueo
A Coruña, 17 de marzo de 2015- A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, o deputado do BNG no Parlamento de Galiza Daniel Rodas e a concelleira do BNG Avia Veira reuníronse na mañá de hoxe cos representantes do colectivo de marisqueo a pé, o grande prexudicado polo peche da ría debido aos altos niveis de hidrocarburos rexistrados.
En rolda de prensa posterior, Ana Miranda, quen sinalou que é a 24º vez que visita a Confraría da Coruña en relación á contaminación e ao necesario saneamento da ría do Burgo, anunciou a presentación dunha pregunta parlamentar que lle trasladará a eurodeputada de ALE Tatjana Zdanoka unha das membros da misión de investigación dos parlamentares europeos á ría do Burgo- á Comisión Europea para a reapertura do expediente sobre a ría. Van case dous anos despois daquela visita e vemos como o estado da ría é o mesmo e que o colectivo de mariscadores e mariscadoras non só se ve afectado polo estado de contaminación da ría, senón tamén polas últimas verteduras de hidrocarburos, sinalou a portavoz do BNG en Europa.
Ana Miranda criticou que as distintas administracións non lle dean resposta á paralización forzosa da actividade marisqueira malia que o Fondo Europeo Marítimo e de Pesca prevé axudas por causa de tipo biolóxico e tamén por causas de forza maior, como é o caso desta vertedura. Tamén foi moi crítico coa pasividade da Xunta de Galiza o deputado Daniel Rodas, quen acusou o Goberno galego de non darlle solución aos traballadores e traballadoras do mar. Imaxinan que o problema fose de Pescanova? De seguro que a Xunta de Galiza tería actuado de maneira inmediata para llo resolver, ilustrou o parlamentar nacionalista.
Daniel Rodas insistiu na necesidade de que a Consellaría de Pesca desenvolva unha liña de axudas para solucionar o drama que vive o colectivo do marisqueo a pé, que carece de calquera tipo de ingreso, e na necesidade de que a Xunta de Galiza investigue o tipo de vertedura e o seu emisor. Non pode ser que quen sempre sufra as consecuencias dunha mala acción de control sexan os traballadores do mar, sinalou Rodas, que a semana pasada, nada máis ter coñecemento do peche da ría por altos niveis de hidrocarburos, presentou unha batería de iniciativas no Parlamento ao respecto.
Pola súa banda, a concelleira Avia Veira chamou a atención sobre o papel do BNG, que desde o primeiro momento se puxo á fronte para coñecer a procedencia da vertedura e para defender os traballadores e traballadoras do mar. Lembrou a edila do Bloque que Xosé Manuel Carril presentou a semana pasada unha solicitude diante da Autoridade Portuaria para lle reclamar toda a documentación relativa á procedencia da vertedura e ao control sobre as instalacións de Repsol e que puxo os feitos en coñecemento da Fiscalía, co fin de que actúe de oficio por se existe un posíbel delito contra o medio ambiente e os recursos naturais.
Avia Veira denunciou que as verteduras de hidrocarburos se están a repetir de maneira constante provocando a perda de ingresos nos traballadores e traballadoras do mar. Por último, apelou á ría e ao mar como motor imprescindíbel para a economía da nosa cidade, por iso chamou os poderes públicos a protexelos.
Manuel Baldomir: Están a afundirnos
Pola súa banda, o portavoz do colectivo de mariscadores a pé da Confraría da Coruña, Manuel Baldomir, advertiu de que levamos moito tempo sufrindo o peche da ría por hidrocarburos e sinalou que os traballadores e traballadoras do mar desconfían que poida tratarse de Respol precisamente as verteduras de hidrocarburos coincidiron co peche do pantalán número 4 das instalacións que a multinacional ten no porto interior. Denunciou Baldomir que o colectivo de mariscadores xa estamos de por si moi tocados, cuns ingresos moi baixos, e co peche da ría calculamos que cada un de nós pode perder á semana uns 450-500 euros.
Engadiu o representante do marisqueo a pé que a ría xa ten de por si moitos problemas, e se lle sumamos á isto as veteduras por hidrocarburos lévannos á ruína. Lamentou que malia non poder faenar o colectivo teña que seguir pagando a cotización e os impostos e acusou as Administracións de estar a afundirnos por non facer nada para resolver a situación.