O BNG organiza unha performance sobre micromachismos no Obelisco
A Coruña, 9 de maio de 2013.- O BNG da Comarca da Coruña organiza mañá, venres, a partir das 20h, no Obelisco unha performance para visibilizar os micromachismos que aínda coaccionan, limitan ou restrinxen a liberdade e a dignidade das mulleres, uns micromachismos que son ignorados a diario.
A responsábel comarcal de Acción Feminista do BNG, Vitoria Louro, pon de manifesto que algunhas destas pequenas tiranías "son consideradas normais, algunhas son invisibilizadas e outras lexitimadas, e por iso, se executan impunemente". "Así que non basta con cuestionar a ideoloxía e o modelo no que se sustentan (o machismo e a masculinidade hexemónica), senon que é importante visibilizalas, deslexitimalas e eliminalas no cotiá", sinala. "Nomealas e facelas visíbeis é un primeiro paso neste camiño", engade a nacionalista.
Vitoria Louro pon de manifesto que a violencia machista é toda acción que coacciona, limita, restrinxe liberdades das mulleres e tamén a súa propia dignidade. "Estamos na certeza de que a loita contra esta violencia non pode quedar reducida a un día (25N), nin a un mes (novembro), nin tan siquera a un só ano, porque é unha loita que se ten que levar a diario para facela evidente e para mostrar que, practicamente, todas as mulleres estamos sometidas dunha maneira ou doutra a ela; é esa violencia invisíbel que nos rodea", subliña.
A través desta performance, á que o BNG convida a toda a cidadanía, as nacionalistas visualizarán repertorio masculino de xeitos de estar e afirmarse no mundo, cumplindo e perpetuando nas novas xeracións o modelo social de masculinidade hexemónica.