O BNG solicítalle ao Goberno local que anule os Estudos de Detalle de Santo Amaro
A Coruña, 7 de setembro de 2012.- Tal e como explicou o concelleiro Xan Caxigal esta mañá en rolda de prensa, o BNG levará tamén ao Pleno ordinario deste luns un rogo oral no que esixe que se convoque un Pleno da Corporación para incoar a revisión de oficio dos Estudos de Detalle de Santo Amaro por seren nulos de pleno dereito (ao omitirse o procedemento legalmente estabelecido e ao vulnerarse o principio de xerarquía normativa).
Os nacionalistas reclaman no rogo que unha vez anulados os Estudos de Detalle se lle dea traslado desta anulación aos xulgados para que tramiten os recursos xudiciais dos promotores e para que, así, anulen os seus actos de aplicación, o proxecto de compensación, aprobado no 2008.
Caxigal expuxo na rolda de prensa que os Estudos de Detalle aprobados ilegalmente polo vazquismo nos anos 2001 e 2002 (por non cumprir co trámite preceptivo de informe previo de Patrimonio e por vulneración do Plan Especial da Torre) subsisten e producen efectos xurídicos, e vanos seguir producindo mentres non se aprobe definitivamente o novo PXOM. E é que os promotores teñen presentado recursos contra a denegación das licenzas, licenzas que foron solicitadas ao abeiros duns ED nulos de pleno dereito. Así, advertiu do risco de que os xulgados lles dean a razón aos promotores mentres non sexan anulados.
"Se o Goberno local non permite anular os ED, os xulgados poderían outorgarlle aos promotores o dereito á obtención da licenza, co cal, nese suposto, a única posibilidade de evitar a construción dos mamotretos sería a revogación das licenzas, pero isto obrigaría ao pago de indemnizacións por parte do Concello", explicou.
Non hai responsabilidade patrimonial
Caxigal puxo de manifesto que os promotores non teñen dereito a ningunha idemnización polo cambio de ordenación urbanística na Agra de Santo Amaro entre o PXOM de 1998 e o novo PXOM de 2012, ao non patrimonializar en prazo o aproveitamento que lles outorgaba o PXOM de 1998 e que fora ordenado polo miúdo nos mamotretos dos Estudos de Detalle redactados polo actual director de Urbanismo, César Otero Grille.
O nacionalista sinalou que, tal e como consta no expediente administrativo, o exceso de prazo debeuse unicamente aos conflitos civís entre promotores. Máis en concreto, polos problemas xurídicos pola compravenda de terreos no ámbito entre Fadesa e un ex concelleiro que forma parte daquela Xunta de Goberno Local.
"Non hai nada que negociar cos promotores, agás o pago dos terreos que a algún deles se lles ocupou para a execución do paseo marítimo", advertiu Caxigal.
Este rogo oral que levará o BNG ao Pleno ordinario deste luns súmase á moción presentada o 1 de outubro de 2011 e á petición dirixida ao alcalde o 3 de novembro de 2011 no mesmo sentido.