Carril: "Esperemos que o PP non aproveite as eleccións para asinar coa Xunta o convenio do Parrote"
A Coruña, 6 de setembro de 2012.- O alcade da Coruña vén de sinalar que "continúan as negociacións para obter financiamento doutras administracións" para pagar os 14 millóns de euros que lles custa aos coruñeses e coruñesas o agasallo do Sr. Negreira a Copasa no túnel do Parrote.
O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, lembra que a Xunta de Galiza recolleu nos orzamentos do 2012 uns ridículos 20.000 euros (partida 07.A1.512B.760.0 convenio subterráneo A Mariña-O Parrote), mais non incorporou ningunha previsión orzamentaria para cofinanciar o viario nos vindeiros anos.
O concelleiro nacionalista indica que, pasados nove meses desde o inicio do ano, o Concello da Coruña e a Xunta de Galiza aínda non asinaron o convenio de colaboración para cofinanciar con eses 20.000 euros o viario. E iso, que xa en outubro do pasado ano, o conselleiro de Infraestruturas presumía do "esforzo" inversor do Goberno galego na Coruña facendo alusión ao convenio do Parrote.
"Semella que en nove meses, o Sr. Negreira e o Sr. Hernández non tiveron tempo de asinar o convenio dos 20.000 euros, e iso que o conselleiro realizou visitas mediáticas á cidade para asinar compromisos baleiros de contido, como o de Coruña Futura e o de Smart City, para inaugurar o tramo da terceira rolda ou, recentemente, para asinar o convenio sobre o aproveitamento hidroléctrico do encoro de Cecebre", sinala Carril.
O Grupo Municipal do BNG témese que o convenio dos 20.000 euros, que xa tería que estar rubricado desde hai meses, se asine a bombo e platillo nas próximas semanas, en pleno período pre-eleccións. O BNG espera que o PP non aproveite a sinatura do convenio destes ridículos 20.000 euros para anunciar futuras dotacións. De haber un compromiso real da Xunta, os orzamentos galegos deste ano recollerían previsións orzamentarias máis alá do 2012, e non os inclúen.