O BNG rexistra unha solicitude para que o PXOM volva a Pleno
A Coruña, 27 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá por rexistro dous escritos en que solicita, por unha banda, o acceso ao requirimento, de data 10.09.2012 da Consellaría de Territorio, Medio Ambiente e Infraestruturas ao Concello, en relación co procedemento de aprobación do Plan Xeral, e tamén solicita que o documento volva, unha vez máis, a Pleno, dadas as modificacións substantivas e normativas que sofre o PXOM.
No escrito asinado polo portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, sinálase que a resolución do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de 25.02.2013, acorda, no apartado 1, a aprobación definitiva do PXOM, "condicionado á introdución das modificacións contidas no apartado II desta Orde", e no apartado 2 precisa que "cómpre achegar un documento refundido, que introduza estes cambios".
Neste contexto, o Grupo Municipal do BNG advirte de que os cambios sinalados no apartado II desta Orde, nun total de 28, afectan, na súa práctica totalidade a cuestións substantivas e normativas do documento, tanto en relación coa normativa como cos planos de ordenación e fichas, obrigando tamén ao recálculo de datos fundamentais da memoria. "Non se trata, pois, de simples correccións de erros (agás no referido á toponimia) senón de auténticas modificacións do documento aprobado provisionalmente polo Pleno o pasado 26.12.2012, tal e como, precisamente, as cualifica a Orde", sinala Carril neste escrito.
Dada a súa trascendencia urbanística, as modificacións deberían obrigar a unha nova aprobación provisional polo Pleno
O Grupo Municipal do BNG sinala que con independencia das modificacións a introducir, dada a súa trascendencia urbanística, deberían obrigar a unha nova aprobación provisional polo Pleno. E é que é o Pleno municipal o órgano competente para a aprobación do "documento refundido" do PXOM que inclúa os cambios e modificacións sinaladas na citada Orde de aprobación definitiva do Plan Xeral.
O BNG lembra que, tal e como precisa a Xurisprudencia, o contido normativo do PXOM (o que debe publicarse no BOP para a súa eficacia xurídica e efectos) é e debe ser o correspondente ao "documento refundido".
Así, Carril solicita no escrito que "unha vez formulado o documento refundido do PXOM se inclúa a súa aprobación, ou se preste conformidade ao mesmo, na orde do día do Pleno da Corporación".