Só catro 4 días despois da Xunta de Goberno ordinaria, Negreira convoca unha Xunta extraordinaria
A Coruña, 27 de febreiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG amosa a súa crítica á convocatoria de Xunta de Goberno Local de carácter extraordinario que tivo lugar esta mañá. E é que, tal e como lembran as nacionalistas, o pasado sábado, 23 de febreiro, tivo lugar a Xunta de Goberno ordinaria e dentro de nove días terá lugar a próxima Xunta ordinaria.
As nacionalistas advirten de que ningún dos dous casos que se trataron na reunión extraordinaria desta mañá responden á urxencia. Así, sinalan que a aprobación da concesión dunha subvención para a realización de obras de rehabilitación no inmoble da rúa Maestranza 1 e a autorización do gasto, aprobación do expediente de contratación e a disposición da apertura do procedemento de adxudicación da contratación do servizo de desenvolvemento de accións de orientación laboral e creación dunha aula de emprego no barrio da Agra do Orzán (programa Urbana CV) puideron ser recollidos na Xunta de Goberno Local ordinaria que tivo lugar o pasado sábado.
O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira previsión, rigor, organización e, sobre todo, optimización dos recursos públicos. Lembran as nacionalistas que en menos de un ano tiveron lugar 11 Xuntas de Goberno extraordinarias e 49 ordinarias. Advirten de que se deron casos, como o de outubro de 2012, en que todas as semanas se reuniu a Xunta de Goberno. Tamén se deron casos en que se reuniu a Xunta de Goberno dúas veces a mesma semana, como aconteceu en setembro de 2012.