O BNG rexeita os orzamentos: son un engano, non axudan a crear emprego e benefician @s de sempre

O BNG rexeita os orzamentos: son un engano, non axudan a crear emprego e benefician @s de sempre

A Coruña, 19 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG votou esta mañá en contra da aprobación inicial dos orzamentos para o 2013, por seren "un engano para a cidadanía, un agasallo para os de sempre e porque non van axudar a crearmos emprego". O portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, daba as razóns: "porque o medre dos orzamentos está no aumento da presión fiscal, ao seren maiores os impostos e taxas que hai que pagar, e nas previsións optimistas (por non dicir suicidas por pouco realistas) de maiores ingresos por outras vías", "porque as achegas de Emalcsa, froito dos seus beneficios empresariais, son consecuencia do que paga a maiores a cidadanía polo recibo da auga, por riba do custo real do servizo do subministro da auga" e porque "malia non estar asegurados moi boa parte dos ingresos, o goberno local blinda as achegas públicas a empresas privadas por conta do investimento social".

Na súa primeira intervención, o portavoz do BNG puxo de manifesto que as contas municipais para o 2013 "agochan a maior presión fiscal existente dicindo que hai conxelación por segundo ano consecutivo. Mais o certo é que se paga máis". Recorreu ao informe do interventor do Concello, que afirma que os impostos e taxas medran, chegando a falar dunha suba do 6,27 por cento. E sinalou que a previsións de ingresos "excesiva" e pouco realista fan que as contas sexan irreais porque están baseadas en estimacións, sen ningunha cautela e sen prudencia. Amosouno citando os seguintes datos:

Ingresos previstos

  • IIVTNU: 4.350.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 3.720.000 euros)
  • ICIO: 5.200.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 2.440.000 euros)
  • IAE: 12.220.000 (a día de hoxe, no exercicio de 2012, recadáronse 11.190.000 euros)
  • Participación tributos C.A.: 6.558.976,14 (Facenda aínda non comunicou ningún dato sobre a achega por este concepto no 2013, polo que o Goberno municipal mantén a mesma cifra que no 2012)

O propio interventor xeral, apuntou Carril, apela constantemente á cautela, afirmando en relación cos ingresos por tributos que "non se pode asegurar e garantir a viabilidade dos ingresos previstos por eses impostos que son, sen dúbida, os máis afectados pola actual situación económica" e advirte de que "resulta complicado concluír sobre a razonabilidade das previsións de ingresos efectuados para estes impostos debido ao alto grao de incerteza económica existente". Ademais, tal e como salientou Carril, o interventor chega a cualificar de "excesiva" a previsión de ingresos relativa ao ICIO.

A estafa da auga, a blindaxe da Compañía de Tranvías e O Parrote

A continuación, o portavoz do BNG sinalou que estafa dos orzamentos evidénciase cos ingresos que aporta Emalcsa dos seus beneficios, que traen causa do que paga a maiores a cidadanía polo servizo da auga, (custa máis do que costa o servizo de abastecemento). "Os 4,2 millóns que achega Emalcsa para os orzamentos do 2013 derivan das taxas polo abastecemento e depuración de auga por un importe moi superior ao do custo do servizo", denunciou. "Así, Emalcsa ten máis beneficios por isto e logo ingrésallos ao Concello". Explicou a operación tras a que se agocha o Goberno: a suba compútase nos orzamentos de Emalcsa e non nos do Concello, de modo que o Concello só a computa como ingreso patrimonial para dicir logo que non hai aumento da presión fiscal.

Ademais, Carril puxo de manifesto que se confirman as reiteradas denuncias do BNG en relación coa Compañía de Tranvías. "Malia non estar asegurados moi boa parte dos ingresos, o Goberno local blinda as achegas públicas a empresas privadas por conta do investimento social", sinalou e volveu recorrer, para o demostrar, ao informe do interventor. E é que a Intervención Xeral apunta: "non se trata tanto dunha subvención directa a favor dos beneficiarios (usuarios do transporte) como dunha asunción por parte do Concello de parte do prezo do billete a través dos recursos xerais e propios do Concello. Polo tanto… a transferencia non se efectúa ao auténtico beneficiario senón ao concesionario do servizo".

En relación ao Parrote, Carril advertiu de que se ratifica o que vén advertindo o BNG: non hai cartos. O interventor di no informe que o millón de euros para financiar as obras "non se axusta aos importes comprometidos no convenio asinado entre ambas as institucións", en alusión ao Concello e á Autoridade Portuaria. Aproveitou o nacionalista para denunciar que o Goberno municipal lle conxelou o IBI á Autoridade Portuaria, impedindo, así, que o Concello deixe de ingresar 1,09 millóns de euros, mentres o IBI lle aumenta á cidadanía.

O Goberno municipal provoca que os servizos sociais deixen de ser un dereito e pasen a ser beneficencia

Ademais, Carril, que cualificou de "incuestionábel" e parabenizou o labor das entidades benéfico-sociais para tratar de corrixir as desigualdades, advertiu de que a existencia destas entidades non é obstáculo ningún para que a Administración Pública asuma as súas propias competencias. Nesta liña, puxo de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira non está a asumir as súas competencias e deixa que sexan as entidades privadas quen asuman ese papel.

"As entidades benéfico sociais están para complementar o labor das administracións públicas, e isto é o que non entende o PP, que fai que os servizos sociais deixen de ser un dereito e pasen a ser unha cuestión de beneficencia", sinalou. "A cidadanía pasa, así, a depender da caridade da entidade", explicou o portavoz do BNG, quen engadiu que "non é certo que o Goberno municipal estea a reforzar os servizos sociais, o que fai é reforzar as entidades benéficas, incorrendo nun desleixo".

 

Uns orzamentos de trámite, como se demostra nas contas de Emprego e Turismo

Na súa segunda intervención, en que Carril puxo de manifesto que o Goberno municipal carece de contra-argumentos, razón pola que o voceiro-bocazas do PP recorreu, constantemente, ao insulto, o nacionalista cualificou os orzamentos como "unhas contas de trámite, que, nalgúns casos, rozan o inaudito". Referíase Carril aos orzamentos da Concellaría de Emprego e Turismo, que carecen de proxecto.

"Partidas tan vagas como outros gastos diversos experimentan un gran repunte, como é o caso dos outros gastos diversos en comercio, partida que subiu de 2.500 euros no 2011 a 381.840 euros no 2013, ou dos outros gastos diversos en desenvolvemento empresarial, que pasa dos 1.500 euros de 2011 a 41.114 euros de 2013", advertiu. Tamén criticou o aumento desta concellaría en publicidade, que aumenta de 20.000 a 49.400 euros e alertou sobre a "preocupante" caída da partida en reparacións de mercados, que pasa dos 50.000 euros de 2011 aos pouco máis de 30.000 euros de 2012.

 

Nin PXOM, botado abaixo pola Xunta de Galiza, nin PEPRI

Ademais, Carril advertiu de que o "máis grave" é que as contas están "totalmente falseadas, baseando o aumento da previsión de ingresos coas próximas aprobacións do PXOM e do PEPRI". "É unha mala previsión", espetoulle Carril ao Goberno municipal, "porque hai que lembrar que a Xunta de Galiza botou abaixo o PXOM por conter graves erros dos que xa alertamos no Pleno extraordinario de agosto en que se aprobou, provisionalmente, o plan (co voto en contra do BNG)".

Nesta liña, o portavoz nacionalista desmontou as mentiras do Goberno municipal e explicou que, tal e como indica a LOUG, o PXOM terá que volver de novo a debate e aprobación provisional do Pleno para que se lle volva enviar á Xunta de Galiza. Despois, o Goberno galego terá outros tres meses de prazo para o aprobar definitivamente. "O simple feito de que o PXOM teña que volver ao Pleno nun texto refundido revela que os cambios non son cuestións de forma, senón de fondo, co fin de corrixir as desfeitas do Sr. Negreira en beneficio dos grandes promotores", engadiu.

 

Pregarias aos santos e ás virxes para a creación de emprego e para a protección social

Por último, Carril instou o Goberno municipal, "tan dado ás pregarias e a tirarse de xeonllos aos pés da virxe do Rosario para pedirlle cousas que son vostedes incapaces de conseguir", a substituír o cadro do rei "por un un San Pancracio e que, cunha poliña de pirixel, lle pidan a saúde, o traballo e a protección social que os seus orzamentos non van traer".

O BNG rexeita os orzamentos: son un engano, non axudan a crear emprego e benefician @s de sempre