O BNG apoia a concentración de BDS Galiza en apoio ao pobo palestino: ás 20.30h no Obelisco
A Coruña, 19 de novembro de 2012.- O BNG da Coruña apoia a concentración convocada para esta tarde, ás 20.30h no Obelisco, convocada por BDS Galiza en defensa do pobo palestino e contra o masacre de Israel en Galiza. Os concelleiros nacionalistas, cargos orgánicos e militantes participarán nesta mobilización ante o xenocidio do exército israelí contra a poboación civil de Gaza.
O BNG manifesta a súa solidariedade co pobo palestino e, ao tempo, condena enerxicamente a actuación do goberno israelí e dos seus cómplices e aliados, esixindo o cese inmediato da agresión. Os nacionalistas sinalan que se trata dun novo episodio de limpeza étnica ao que se está vendo sometida a poboación civil gazatí, ante a enésima nova violación de toda norma e tratado internacional vixente por parte de Israel.
O BNG critica o silencio dos EUA, da UE e do propio Goberno español, que son tan letais como as bombas que a diario caen sobre a poboación civil Gazatí. Ese é o silencio cómplice e asasino que o Estado de Israel precisa para seguir aniquilando a un Pobo, como o palestino, cuxo único delicto é o de querer existir.
Ademais, o BNG, como organización política nacionalista de esquedas, defensora da paz mundial e do Dereito de Autodeterminación dos Pobos, asume como súa a reivindicación do pobo palestino de se converter nun Estado e de poder vivir e existir en pé de igualdade e en paz.
O xenocidio contra a poboación de Gaza, no Pleno do Concello
Pola outra banda, esta mañá, no inicio da súa intervención no Pleno de aprobación inicial dos orzamentos municipais (que contaron co voto en contra do BNG), o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, criticou que o alcalde non lera ningunha declaración institucional en apoio do pobo palestino e contra o xenocidio que está a practicar Israel. Tamén criticou Carril que o Goberno municipal non chamara a cidadanía a asistir á concentración desta tarde.