Negreira recorre a un viveiro de empresas dunha fundación despois de renunciar ao da Agra
A Coruña, 26 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG critica que o Sr. Negreira recorra agora a un viveiro de empresas privado cando renunciou á creación dun viveiro de empresas de titularidade municipal na Agra do Orzán, ao suprimir este proxecto na reprogramación do Urbana C. Os nacionalistas xa advertiran en xuño deste mesmo ano de que o viveiro do Igrexario da Agrela estaba desbordado e rexeitaran, en repetidas ocasións, a reformulación do Urbana C, que deixou en papel mollado este espazo fundamental para a xente emprendedora da Agra do Orzán.
O Goberno municipal eliminou o viveiro de empresas proxectado na Agra do Orzán escudándose nunha "imposibilidade de execución física na forma e condicións inicialmente formuladas". E isto, malia existiren terreos públicos suficientes neste barrio sobre os que poder erixir un centro para emprendedores.
Neste contexto, os nacionalistas consideran que a renuncia ao viveiro de empresas na Agra do Orzán e a sinatura dun convenio para que unha fundación supla o labor municipal responde á ineptitude e á ineficaz xestión do Goberno local fronte a área de Emprego.