O BNG reivindica o dereito de Galiza a decidir no Día da Clase Obreira Galega
A Coruña, 10 de marzo de 2013.- O BNG da Coruña reivindica, con motivo do 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, o dereito de Galiza a decidir libremente ou, o que é o mesmo, a soberanía nacional. Por iso, as nacionalistas apostan pola defensa do dereito dos pobos a ter realmente institucións políticas con competencias, institucións ás que poder presionar e sobre as que poder decidir. Só así, sinalan, as políticas desenvolveranse en función dos intereses da maioría do pobo e non dunha minoría.
Hoxe en día, engade o BNG, a concentración da riqueza e do poder está en moi poucas mans e nas institucións que funcionan totalmente á marxe do control da cidadanía: a Comisión Europea, o BCE, o FMI. Estes organismos, advirten as nacionalistas, están a ser determinantes nas políticas económicas, laborais e sociais que impulsan os Estados e sobre as que non temos control ningún.
A reforma laboral cualificada como imprescindíbel polo Sr. Negreira deixou case 2.000 persoas desempregadas máis só na nosa cidade
O BNG advirte da perda de emprego na cidade da Coruña e na súa comarca e alerta sobre a desertización industrial que estamos a sufrir. As nacionalistas sinalan que as cifras do paro poñen de manifesto algo que o BNG viña denunciando desde o inicio da crise, que as reformas laborais, lonxe de ser a solución para crear emprego, provocaron facilitar e abaratar os despedimentos. Precisamente, a última reforma laboral, aprobada por decreto lei hai apenas un ano polo Goberno do Sr. Rajoy e cualificada como imprescindíbel polo alcalde da Coruña, custoulle á nosa cidade un total.
As nacionalistas afirman que as cifras do desemprego que coñecemos cada mes, xunto coas estimacións de persoas, sobre todo mozas, que se ven na obriga de emigrar, son a proba máis palpábel de que a obediencia do PP ás teses máis neoliberais só está a agravar, aínda máis, a crise.
Para finalizar coa sangría da nosa cidade e da nosa comarca, é fundamental que o Goberno municipal reaccione e loite, con unllas e dentes, polos nosos sectores produtivos. É inadmisíbel, advirte o BNG, a inacción do Sr. Negreira coa rexeneración da ría do Burgo e da área do emisario de Bens, cuxo saneamento crearía centos de postos de traballo. Tamén avogan as nacionalistas por impulsar o pequeno e mediano comercio e a hostalaría, as actividades marítimo-pesqueiras, os polígonos industriais ou a universidade, sectores estratéxicos para a economía da cidade e da comarca.
A reforma laboral do PP rematará cos convenios colectivos e destruirá os dereitos laborais e sociais polos que houbo que loitar durante décadas
O BNG, que estivo representado por numerosa militancia e por cargos institucionais e orgánicos, como o portavoz parlamentar, Francisco Jorquera, o portavoz no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, o responsábel local da Coruña, Raúl Iglesias, ou a responsábel comarcal, Silvia Seixas, participou esta mañá na manifestación convocada pola CIG con motivo do Día da Clase Obreira Galega. Emprego, dereito á negociación colectiva e dereito á soberanía nacional foron os tres grandes eixos ao redor dos que tivo lugar a mobilización.
As nacionalistas advirten de que a reforma laboral do PP facilita que as empresas poidan descolgarse e non cumprir o convenio colectivo, co fin de poder asinar convenios de empresa por debaixo do convenio do sector, que até o de agora estaba prohibido. O BNG denuncia que estamos ante un ataque sen precedentes a un dereito fundamental para a clase traballadora como é o dereito á negociación colectiva. Preténdese provocar unha caída xeneralizada dos salarios e precarizar as condicións laborais para intentar ser competitivos fronte outras potencias no mercado internacional que teñen unhas condicións laborais peores.