O BNG denuncia a intolerancia do Goberno local cos mercados de troco e reclama promovelos
A Coruña, 9 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG reproba a persecución que sofren os mercados de troco por parte do Goberno do Sr. Negreira. O sábado pasado, a policía local ordenou desmantelar o mercado de troco que unha vez ao mes organiza un grupo de persoas no Campo de Marte, en Monte Alto, ás portas do CEIP Curros Enríquez, nun espazo onde non se interfire con ningunha outra actividade nin se dificulta o paso da xente.
As nacionalistas, coas que se puxeron en contacto as persoas organizadoras do mercado de troco, presentaranlle ao Goberno municipal unha iniciativa para que facilite, e non prohiba, este tipo de mercadiños, que promoven valores cívicos e non teñen finalidade o negocio. Trátase, simplemente, de compartir e reutilizar obxectos, sen cartos polo medio, só mediante o intercambio.
As nacionalistas consideran que o Goberno municipal debería facilitar, e non prohibir, este tipo de iniciativas, que promoven valores cívicos e non teñen como finalidade o negocio
O Grupo Municipal do BNG reivindica a recuperación da tradición do troco, co fin de concienciar o pobo da reutilización de obxectos materiais, máxime en época de crise. As nacionalistas, que lembran que este tipo de actividades son moi populares en toda Europa e tamén en Euskadi, apelan á recuperación do mercado de troco a prol dun consumo responsábel.
Neste contexto, as nacionalistas presentarán unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que lle preguntarán ao Goberno municipal se pensa apoiar e potenciar os mercados de troco, se pensa colaborar na súa organización e facilitar a súa difusión.
Non é a primeira vez que o Grupo Municipal do BNG ten que denunciar a persecución do Goberno do Sr. Negreira a este tipo de iniciativas. E é que o pasado ano, a policía local desmantelou, en varias ocasións, mercados de troco na Agra do Orzán. As nacionalistas reclámanlle ao Goberno municipal que tome nota do apoio e difusión que prestan Concellos como os de Zaragoza, Basauri, Bilbao, Sopuerta, Pamplona, Barcelona ou Córdoba.