Bravo pregúntalle ao Goberno municipal cando prevé abrir a biblioteca do Ágora tamén os sábados
A Coruña, 11 de marzo de 2013.- A concelleira María Xosé Bravo vén de rexistrar unha pregunta para a reposta escrita sobre a biblioteca do Ágora que, pasado máis de un ano da súa apertura, permanece pechada durante os sábados. "Trátase da única biblioteca da rede municipal que non presta servizo os sábados", sinala Bravo, quen engade, "entendemos que na súa posta en marcha, por cuestións de falta de persoal ou de organización, non abrira os sábados; mais, pasado tanto tempo, non é de recibo que a biblioteca do gran centro sociocultural da cidade sexa a única que permaneza pechada durante toda a fin de semana".
A edila do BNG interésase polos motivos que levan a manter pechada a biblioteca do Ágora os sábados e pregúntalle ao Goberno municipal se prevé abrila, cando comezará o novo horario e se estará aberta de mañá e de tarde ou só de mañá.
A día de hoxe, só pecha durante os sábados a biblioteca do Ágora, que abre de luns a venres de 10h a 14h e de 16.30h a 20.30h. A biblioteca do Castrillón abre de luns a venres de 9h a 21h e os sábados de 10h a 13h; a de Estudos Locais abre de luns a venres de 9h a 21h e os sábados de 9h a 14h; a do Fórum abre de luns a venres de 9h a 21h e os sábados de 9h a 14h e de 17h a 21h; a de Infantil e Xuvenil abre de luns a venres de 16h a 21h e os sábados de 11h a 14h; a de Monte Alto abre de luns a venres de 9h a 21h e os sábados de 10h a 14h; a dos Rosales abre de luns a sábado de 11h a 14h e de 16.30h a 20.30h e a biblioteca da Sagrada Familia abre de luns a venres de 9h a 21h e os sábados de 10h a 14h.