O BNG recorre en vía xudicial o PXOM
A Coruña, 19 de xullo de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, anunciou esta mañá en rolda de prensa a interposición dun recurso contencioso administrativo contra o Plan Xeral de Ordenación Urbana Municipal (PXOM). Expuxo Carril que alén de tratarse dun PXOM pensado única e exclusivamente en beneficio das grandes promotoras, o Plan Xeral, tal e como foi aprobado e figura no seu contido, é ilegal en moitos dos seus apartados.
Interposición de recurso contencioso administrativo contra a Orde de 25 de febreiro de 2013 da Xunta de Galiza de aprobación definitiva condicionada do PXOM
Así, Carril explicou que en maio de 2013, dentro do prazo marcado para tales efectos, o Grupo Municipal do BNG interpuxo recurso contencioso administrativo contra a Orde de 25 de febreiro de 2013 da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galiza, de aprobación definitiva condicionada do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Coruña (DOG do 8 de marzo de 2013).
Sinalou que o Grupo Municipal do BNG cuestiona a adecuación a dereito da aprobación definitiva condicionada do PXOM por parte da Xunta de Galiza. Concretamente, aprobar un Plan Xeral condicionado á subsanación de múltiples deficiencias, moitas delas trascendentais e non simples correccións de erros materiais, cando o procedente sería a non aprobación dada a entidade de tales cambios. As modificacións sinalados no apartado II desta Orde (un total de 28) afectan na súa práctica totalidade a cuestións substantivas e normativas do documento, tanto en relación coa normativa propiamente dita como cos planos de ordenación (clasificacións e cualificacións urbanísticas e fichas), obrigando tamén ao recálculo de datos fundamentais da memoria (aproveitamentos e dotacións).
Ao xuízo do Grupo Municipal do BNG, advertiu Carril, non se trata de simples correccións de erros (coa excepción da toponimia), senón de auténticas modificacións do documento aprobado provisionalmente polo Pleno da Corporación Municipal o 26 de decembro de 2012, tal e como as cualifica a citada Orde de aprobación, razón pola cal interpuxo o recurso contencioso administrativo contra esta Orde tendo en conta que non procedía a aprobación definitiva condicionada.
A ampliación do recurso contencioso administrativo interposto, impugnando o contido normativo do PXOM publicado no BOP, que inclúe cambiazos
A interposición deste recurso contencioso administrativo, salientou Carril, amplíase coa impugnación este mesmo mes de xullo, por parte do Grupo Municipal do BNG, do contido normativo do PXOM publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña o 9 de xullo de 2013 (con algunhas deficiencias formais que xa lle foron advertidas ao Goberno municipal o propio día da publicación para a súa corrección, e que aínda non se corrixiron).
O documento refundido que inclúe os cambios e modificacións sinaladas na citada Orde de aprobación definitiva do PXOM non foi aprobado polo Pleno, que é o único órgano competente para o facer. O documento refundido mandouse á Xunta de Galiza e, posteriormente ao BOP para a súa publicación, sen ser aprobado previamente polo Pleno da Corporación Municipal. A inclusión dos cambios e modificacións introducidas, moitas delas obrigando a cambios normativos, precisaba dunha resolución municipal que prestase conformidade a este documento refundido para a súa remisión á Xunta de Galiza e para a súa publicación oficial BOP. E esta resolución só podía ser adoptada polo órgano municipal que ten atribuída esta competencia, que é o Pleno da Corporación.
Alén das cuestións de tipo formal, outro dos motivos de impugnación da publicación do contido normativo do PXOM no BOP é que o Goberno municipal aproveitou para introducir cambios ex novo que non foron esixidos pola Xunta de Galiza na súa Orde de 25 de febreiro de 2013. É o caso, por exemplo, do artigo 1.4.10, letra d.1 (Obras de nova edificación), dado que mentres que no PXOM aprobado en decembro as obras de reconstrución só eran admisíbeis en edificios catalogados, no PXOM publicado no BOP suprímese esta condición, co cal as obras de reconstrución son admisíbeis en todos os edificios. Noutras palabras, o PXOM autoriza a reconstrución dun edificio (total ou parcialmente desaparecido), aínda que non estivese catalogado, e quedando eximido do cumprimento das condicións dos edificios de nova planta. E este cambio non foi esixido pola Xunta de Galiza, que só obrigaba a posibilitar a substitución das edificacións existentes (... as construcións existentes...), mais non das non existentes, que é o que permite agora o PXOM. Así, o Goberno municipal fixo un cambiazo en toda regra.
En fin, apuntou o portavoz do BNG, outro dos numerosos motivos de impugnación é a excepción da cesión do 10% do aproveitamento de cesión no ámbito do Plan especial de transformación PET-Q23 (peirao 1-Calvo Sotelo). Esta excepción é unha reserva de dispensación nula de pleno dereito ao eximir do deber de cesión en solo urbano non consolidado, que non aparece contemplada nin na lexislación autonómica nin na estatal.