O BNG leva ao Parlamento a discriminación de Portos de Galiza ao galego
A Coruña, 19 de xullo de 2013.- O BNG vén de levar ao Parlamento de Galiza dúas iniciativas sobre a discriminación de Portos de Galiza á lingua galega, iniciativas que xurdiron despois de a entidade excluíra, recentemente, o galego nunha resposta a unha pregunta da Asociación de Veciños e Veciñas de Oza-A Gaiteira-Os Castros sobre o faro de Oza.
A vulneración dos dereitos lingüísticos tivo lugar nunha resposta a unha pregunta da entidade veciñal a Portos de Galiza que excluía o galego. A asociación reclamaba actuacións para evitar o deterioro do Faro de Oza. A resposta da Xunta é desoladora polo desprezo que demostran ante a preocupación polo estado do noso patrimonio, máis tamén polo desprezo de que demostran ante a nosa lingua.
O BNG pregunta os motivos que levan a Portos de Galiza a vulnerar a lexislación en materia de lingua
Neste contexto, a portavoz de Lingua do BNG no Parlamento, Ana Pontón, e o portavoz de Pesca, Daniel Rodas, realizaron unha serie de preguntas orais para formular en Comisión nas que se interesan pola valoración que fai a Xunta de Galiza dos feitos descritos e polas razóns que levan a Xunta á ignorar a lingua galega na súa relación c@s administrad@s, máxime cando esta é a lingua que empregaron para dirixirse á administración.
Ademais preguntan se coñece Portos de Galiza as previsións contidas, en relación coa normalización da lingua galega, no Estatuto de Autonomía, na Carta europea das Linguas, na Lei de Normalización Lingüística, no Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG) ou na Lei de transparencia e boas prácticas na administración galega e cal é o motivo para vulneraren deliberadamente o seu contido. Preguntan, ademais, se é consciente a Xunta de Galiza do grave dano que provoca ao necesario proceso de normalización da lingua galega a actitude que está mantendo a Xunta de Galiza e que actuacións ten previsto realizar a Xunta de Galiza para corrixir esta situación.
Os parlamentares do BNG advirten de que a situación de discriminación da lingua galega require dunha actitude positiva por parte das diferentes institucións. Porén, alertan de que o corpus legal sobre lingua é ignorado e vulnerado en demasiadas ocasións pola Xunta de Galiza, conforme a un deseño claro e evidente de frear o necesario proceso de normalización da lingua galega e de manter a súa exclusión.