O BNG reclámalle ao alcalde que modifique a ordenanza do IBI para que non suba este imposto
A Coruña, 9 de outubro de 2013.- O portavoz do Grupo Municipal do BNG, Xosé Manuel Carril, dirixiuse esta mañá ao alcalde (achegamos escrito) para lle reclamar que co fin evitar un incremento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) inicie o procedemento, de xeito inmediato, de modificación da ordenanza fiscal do IBI (para que entre en vigor o 01.01.2014). Así, o tipo impositivo a aplicar quedaría no 0,5454% e unha unha vez entrase en vigor a normativa estatal que está en trámite o tipo impositivo a aplicar sería o 0,60%. Só así se impediría un novo encarecemento do IBI.
No escrito presentado por rexistro, o Grupo Municipal do BNG explica como pode o Concello da Coruña evitar unha nova suba do 10% no IBI, que pasaría do 0,60% actual ao 0,66% unha vez se aplique o recollido no Proxecto de lei de medidas de materia de fiscalidade medioambiental e doutras medidas tributarias e financeiras, actualmente en trámite parlamentar. E é que o art.8 do citado proxecto de lei sinala que, con efectos para os periodos impositivos que se inicien no 2014 e no 2015, os tipos de gravame do IBI resultarán incrementados no 10%, non puidendo resultar o tipo de gravame mínimo e supletorio inferior ao 0,6%.
Así, o Grupo Municipal do BNG indícalle ao alcalde que o único xeito de garantir que o IBI non medre no 2014 pasa por incoar de inmediato a modificación da ordenanza fiscal do IBI actualmente en vigor, a Ordenanza fiscal número 51, deixando o tipo impositivo anterior, é dicir, 0,5454%. Afirma o BNG que se o Goberno municipal non modificase a ordenanza do 2012 (a que está a ter efectos no 2013), o tipo impositivo do IBI subiría no 2014 ao 0,60%. Porén, ao ter fixado anteriormente un tipo impositivo do 0,60% habería que aplicar o incremento do 10% sobre este 0,60% e non sobre o 0,5454% anterior.
As nacionalistas esperan que o Goberno do Sr. Negreira estude e aplique a proposta para evitarlle á cidadanía unha maior suba de impostos.