O BNG esixe no Parlamento a ampliación das prazas de comedor do colexio de xordos
A Coruña, 9 de outubro de 2013.- O Grupo Parlamentar do BNG vén de rexistrar unha serie de iniciativas, entre elas, unha proposición non de lei, para instar a Xunta de Galiza a ampliar, coa maior brevidade posíbel, as prazas de comedor que viña ofertando o curso pasado o centro de ensino Nosa Señora do Rosario. Ademais, as nacionalistas preguntaranlle ao Goberno galego en sesión plenaria se é consciente do grave prexuízo ocasionado coa redución das prazas deste comedor. Tamén se interesa o BNG polos motivos que levaron a Consellaría de Educación a reducir o número de prazas e se vai reconsiderar a decisión.
O portavoz parlamentar de Ensino do BNG, Cosme Pombo, lamenta a actuación unilateral da Consellaría, que segue deteriorando un servizo educativo complementario importante. Para o BNG só razóns de tipo economicista, antipedagóxicas e con pouco respecto polo ensino público poden explicar a decisión da Xunta de deixar sen comedor 52 familias, sinala.
O Grupo Parlamentar do BNG, que insiste en reclamarlle ao Goberno galego que siga mantendo o servizo de comedor nas mesmas condicións en que viña funcionando, advirte de que, amais do prexuízo para 52 familias, a supresión de prazas representa un prexuízo para o propio comedor. E é que até o de agora no comedor convivía alumnado dos CEIP Ramón de la Sagra, María Pita e Ramón Otero Pedrayo co alumnado do colexio de Xordos. Esta convivencia, salienta o BNG, resultaba moi positiva, tanto desde o punto de vista educativo como pedagóxico, para a integración do alumnado ao compartir comedor, lecer e actividades.
Ademais, o deputado nacionalista cuestiona o proceder da Consellaría de Educación na medida en que adoptou a decisión de suprimir 52 prazas de xeito unilateral, sen sequera consultalo co centro. Tamén critica o BNG a actitude do conselleiro de Educación que, ao igual que o edil responsábel desta área no Concello da Coruña, se mantén escapado.