O Goberno municipal non explica a súa negativa a intervir a concesión de Albada
A Coruña, 8 de outubro de 2013.- O Goberno municipal evitou explicar o porqué do seu non á intervención administrativa da concesión de Albada, evidenciando a súa complicidade coa empresa, na quenda de resposta á pregunta oral formulada polo BNG. O portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, preguntoulle ao Goberno do Sr. Negreira por activa e por pasiva cales son os motivos polos que non quere intervir a concesión de Albada na planta de Nostián. Porén, o portavoz do Goberno municipal empregou todo tipo de subterfuxios para eludir a resposta.
Na súa intervención, Carril puxo de manifesto que a única e gran beneficiada da situación de impasse no conflito e na estafa de Nostián (cunhas auditorías ocultas, cun alcalde que non se quere reunir cos portavoces dos grupos municipais da oposición nin co comité de empresa e cunha prohibición de visitar a planta de Nostián) é a empresa, Albada. O nacionalista chamou a acabar con esta situación e insistiu en que o Concello Coruña debería intervir administrativamente a concesión, explotando a planta de Nostián por conta e risco económico de Albada, dado que a empresa non garante o cumprimento dos termos da concesión.
Lembrou o nacionalista que a intervención da concesión é unha figura legal recollida expresamente no prego de cláusulas administrativas da concesión de Nostián e en variadas normas legais. Explicou que a xestión por parte do Concello da Coruña realizaríase empregando os medios persoais e materiais de Albada, designando o concello para tales efectos un interventor que substituiría os directivos da empresa e ao que a empresa deberá someterse e seguir as súas instrucións. Expuxo, ademais, que esta xestión temporal e directa por parte do Concello da Coruña sería por conta e risco económico de Albada, incluíndo a retribución do interventor. Rematada a intervención, o Concello da Coruña entregaríalle a Albada o saldo que resultase da súa explotación, previa dedución dos gastos, retribución do interventor e danos e prexuízos ocasionados ao Concello da Coruña como administración pública.
Malia os intentos de Carril, o Goberno municipal non contestou cales son os supostos beneficios de non intervir administrativamente a concesión de Albada.
Pedímoslles que afronten a contaminación, porque estamos a falar de saúde
En relación á pregunta oral formulada pola concelleira do BNG María Xosé Bravo, o Goberno municipal non expuxo medida ningunha para acabar coa contaminación que sofre a veciñanza dos Castros, unha contaminación que procede, na súa maior parte, do porto. Citou a nacionalista datos da web da Autoridade Portuaria que superaron, con creces, a media permitida pola lei. Así, a 12.07.2013 rexistrouse un pico de partículas en suspensión PM10 de 395u/M3, é dicir, 8 veces máis que o límite. Tamén a 26.09.2013 houbo picos de 203, de 161 e de 206, uns datos que, lembrou, despareceron misteriosamente da web da Autoridade Portuaria sen que vostedes lles pediran explicacións.
Pedímoslles que afronten o problema, non se poñan de perfil, porque estamos a falar de saúde, apuntou María Xosé Bravo. Recuperou a edila nacionalista unhas declaracións do Sr. Negreira cando era portavoz municipal do PP na oposición. Sobre as descargas no porto, sinalaba que el Ayuntamiento está desaparecido e que cuando hay un problema el gobierno municipal se pone de perfil y no lo afronta.
Os científicos consideran que as partículas en suspensión son o problema de contaminación ambiental máis severo; de feito, detrás delas están numerosas enfermidades respiratorias, problemas cardiovasculares e cancro de pulmón, advertiu. A concelleira do BNG criticou que as descargas de graneis desde os barcos ás tolvas teñen lugar a través dun circuito aberto, non sempre os camións van cubertos con lonas cando saen do porto nin as rodas dos camións se limpan ao saíren do recinto.
Para concluír, María Xosé Bravo acudiu aos últimos datos do Informe da avaliación da calidade do aire no Estado español (Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente) referido ás medias anuais de PM2.5 durante o 2012. Pois ben, a media do Estado é de 13,7 nas 31 estacións que o Ministerio posúe e os datos van dos 8,7 PM2.5 ás 20. Saben que medidos rexistra 20? O da Coruña, revelou.
O Goberno municipal segue pospoñendo a modificación da ordenanza sobre a música ambiental
Pola outra banda, e tras as reiteradas promesas do PP ao sector da hostalaría, a concelleira nacionalista Avia Veira preguntou cando modificará o Goberno municipal a ordenanza medioambiental que lles prohibe aos estabelecementos do grupo 1 a reprodución de música ambiental. Despois de que o Goberno municipal pospuxese, unha vez máis, o momento en que a normativa modificada vexa a luz e asegurase hoxe en Pleno que a normativa estaría concluída a finais deste ano, Avia Veira advertiu de que urxe modificala, tanto para protexer as hostalaría como a veciñanza. Deste xeito, a música ambiental para que esta se poida ofertar dentro das marxes de ruído que a propia ordenanza estabelece, salientou.
Avia Veira tomou as palabras de hostaleiros para facer unha comparación moi ilustrativa, prohibirlles ter música ambiental aos bares é como obrigarlles aos taxis a levar as rodas cadradas. Até o de agora, o que atopa este colectivo son palabras e palabras, e as palabras lévaas o vento, tanto lles dá dicilas aquí no salón de plenos como escribilas no seu programa electoral, sinalou.
Lembrou a concelleira nacionalista que o BNG presentou unha moción no Pleno de xullo de 2013, a instancias dun colectivo de hostaleiras, para modificar a ordenanza. Agardabamos que a apoiasen porque xa estaban traballando na nova ordenanza para igualala á normativa do Estado e, polo tanto, pensamos que estarían de acordo co contido da moción, sinalou. Malia a isto, vostedes votaron que non, que non mesmo a debatela, denunciou.
Avia Veira puxo de manifesto que o incumprimento da actual ordenanza pode suporlles aos hostaleiros e hostaleiras multas de 10.000 euros, e mesmo o peche do negocio. É absolutamente incoherente apostar incondicionalmente e cáseque unicamente polo sector turístico-hosteleiro e permanecer á vez no inmobilismo no que se refire a un tema que afecta directamente ao sector e que lle impide exercer con normalidade a súa actividade, concluíu.