O BNG reclama medidas para o fomento da bicicleta na cidade da Coruña
A Coruña, 23 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG Ermitas Valencia vén de presentar unha batería de preguntas escritas sobre o fomento da mobilidade en bicicleta na nosa cidade, dado que, neste contexto de profunda crise, cada vez son máis as persoas que empregan a bici como medio de transporte na Coruña. Así, pregúntalle ao Goberno municipal que medidas se levan desenvolvendo no último ano para reducir o volume de tráfico motorizado e para a redución de velocidade e cantos estacionamentos de bici foron se implantaron no último ano. Tamén se interesa a nacionalista polas actividades de promoción para o uso da bicicleta.
Ademais, a concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se está a desenvolver algunha actividade de uso deste medio de transporte alternativo entre as traballadoras municipais e se hai, a día de hoxe, algún foro de intercambio de información ou espazo de encontro do Concello coas asociacións e colectivos que tentan impulsar o uso da bici na Coruña.
Ermitas Valencia reivindica a dinamización, por parte do Goberno do Sr. Negreira, dunha mobilidade sustentábel que prime os medios de transporte alternativos, como a propia bicicleta, a marcha a pé, o tren de proximidade ou o transporte marítimo. A edila do BNG considera que o Goberno municipal debe traballar por que a bicicleta teña un papel central na mobilidade das persoas, como acontece en países coma Holanda, Dinamarca ou Alemaña, que, con condicións meteorolóxicas máis extremas que as nosas, acadan cifras de viaxes en bici que centuplican as da nosa cidade.
Alude a concelleira do BNG aos beneficios ambientais -a bicicleta é, xunto a marcha a pé, o transporte ecolóxico por excelencia-, aos beneficios urbanos -axuda a desconxestionar o tráfico da cidade-, aos beneficios para a saúde, aos beneficios sociais e aos beneficios económicos. Conclúe Ermitas Valencia que a bici ten viabilidade como transporte cotián para a meirande parte do pobo, máxime en distancias menores de 10km, polo que é un medio potencial para a nosa cidade.