Bravo denuncia o desleixo do Goberno municipal na escola municipal de música
A Coruña, 24 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo denuncia o abandono da escola municipal de música por parte do Goberno do Sr. Negreira. É tal o desleixo, apunta, que desaparece da memoria de xestión da área de Educación e tamén desaparece no Consorcio para a Promoción da música. Outra das mostras da discriminación á que o Goberno somete a escola municipal de música é o recorte orzamentario, un recorte do 20%.
Ademais, a concelleira do BNG insiste en que o Goberno municipal obstaculizou este ano o acceso á escola de música. Por vez primeira, o Goberno municipal obrigou a pagar o importe íntegro da matrícula no mes de maio (70 euros para persoas empadroadas na Coruña e 94,13 euros para as persoas de fóra da cidade) cando, até o de agora, pagábase a metade da matrícula en maio e a segunda metade, en setembro.
Nos últimos anos, explica María Xosé Bravo, o alumnado tiña a posibilidade de inscribirse na escola municipal pagando a metade en maio e podía agardar a setembro, mes en que saen as listaxes de persoas admitidas no Conservatorio, para desistir de matricularse ou para se matricular. Deste xeito, as persoas interesadas podían ter a opción de non chegar a pagar o segundo prazo se tiñan, finalmente, praza no Conservatorio, dado que estudar no Conservatorio é moito máis asequíbel que a escola municipal de música.
A concelleira María Xosé Bravo xa presentou unha iniciativa para coñecer os motivos que levaron o Goberno municipal a cobrar o importe íntegro da matrícula no mes de maio, ao contrario do que se viña facendo até o de agora, e para saber os motivos que levaron o Goberno do Sr. Negreira a facer desaparecer da memoria de xestión a escola municipal de música.