O BNG denuncia o recorte do 44% para o pobo xitano cando só se realoxaron dúas familias da Pasaxe
A Coruña, 22 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo cualifica de inadimisíbel a tesoirada do Goberno municipal ás partidas destinadas á integración do pobo xitano e á erradicación do chabolismo cando o Goberno municipal só conseguiu realoxar 2 familias, e non 5, como alardea, da Ponte da Pasaxe, tal e como lle confirmaron ao BNG os colectivos que traballan a prol da integración da comunidade xitana.
Bravo, que advirte de que o modificativo de crédito aprobado inicialmente polo PP cos votos en contra do BNG recorta estas partidas nun 44%, alerta de que a rebaixa continuada dos orzamentos impide o traballo pola integración. Cando un recorta o orzamento, ten que mandar varios coches da policía ao poboado precario da Pasaxe para tratar de resolver o que ten que resolver Servizos Sociais e non as forzas de seguridade, salienta a concelleira nacionalista, que pon de manifesto que o labor de integración e erradicación dos asentamentos chabolistas é de Servizos Sociais e non da policía local. Precisamente, aínda no día, de onte, na liña do facer que fai o que non fai, o Goberno municipal enviou catro patrullas da policía local ao poboado da Pasaxe.
O BNG denuncia un recorte do 44% no 2013 e critica que o Goberno municipal deixara sen executar a partida de 160.000 euros dos orzamentos de 2012 para realoxo
María Xosé Bravo denuncia que, malia o fracaso do Goberno municipal en relación ao realoxo de familias, o modificativo aprobado inicialmente polo PP suprime a partida de 200.000 euros para a adquisición de vivendas. Ademais deste importante retallamento, o Goberno municipal réstalle 62.500 euros á partida inicial de 95.000 euros para o convenio coa fundación Secretariado Xitano para a xestión dun programa de inserción social básica e de acceso ao emprego. Tamén lle resta case o 70% do convenio coa fundación Secretariado Xitano para o programa ACCEDER de inserción social básica e de acceso ao emprego. Eses 62.500 euros que lle detrae o Goberno municipal ao convenio son repartidos entre sete asociacións, cinco delas benéficas, e que contan con outros convenios co Concello da Coruña, algún deles dunha cantidade importante, como o de 120.000 euros con Padre Rubinos.
Pola outra banda, a concelleira do BNG denuncia a anulación da partida de 200.000 euros para a adquisición da vivenda dentro do programa de erradicación do chabolismo. E é que, por segundo ano consecutivo, o nivel de execución desta partida destinada á erradicación do chabolismo vai ser cero. Lembra Bravo que nos orzamentos do ano 2012 había unha partida de 160.000 euros que non se chegou a executar.