O BNG considera un insulto que o Goberno municipal subsidie os touros cando encarece servizos básico
A Coruña, 2 de agosto de 2013.- O Grupo Municipal do BNG, Galiza Nova e Galiza, Mellor sen Touradas realizaron na mañá de hoxe un acto simbólico de apoio á manifestación antitouradas que terá lugar este domingo, 4 de agosto, con saída ás 12h do Obelisco. Así, Avia Veira, concelleira do BNG, Antón Freire, membro de Galiza Nova, e Rubén Pérez, do colectivo animalista, pegaron na rúa Santo André cartaces convocando á mobilización baixo a célebre frase de Castelao Lástima de bois.
En declaracións aos medios, a concelleira nacionalista puxo de manifesto que o subsidio público da feira taurina por parte do Goberno do Sr. Negreira representa un auténtico insulto, sobre todo, engadiu, nun marco de recortes de dereitos sociais e de encarecemento dos servizos públicos básicos. Ao PP non lle treme a man á hora de darlle pola porta de atrás 90.000 euros ás touradas á vez que encarece o recibo da auga e o billete do bus, obriga as persoas usuarias da axuda a domicilio a repagar o servizo e recorta en igualdade, cultura e ensino, denunciou.
Avia Veira, que lembrou que o BNG votou en contra da celebración da feira taurina no Padroado do IMCE cando tiña responsabilidades de goberno, criticou que o PP queira seguir adiante si ou si coas touradas e non lle importa que a empresa concesionaria incumprira as condicións do contrato, como o prazo de presentación do cartel.
A concelleira do BNG sinalou que a cidadanía non entende que o Concello siga subsidiando que os touros morran afogados polo seu propio sangue e advertiu de que só un 3% das galegas teñen manifestado interese polas touradas. O Concello da Coruña non ten que financiar este tipo de actos que, ademais de ser cruentos, carecen de apoio social e nada teñen a ver coa cultura do noso país, engadiu Avia Veira.
O Sr. Negreira mete cartos públicos nas touradas á vez que a mocidade emigra ou malvive con empregos precarios
Na mesma liña, Antón Freire, membro de Galiza Nova, cualificou de cachondeo que o Goberno municipal se afane en subsidiar este espectáculo macabro á vez que a mocidade se ve na obriga de emigrar ou malvive con empregos precarios.
Sinalou, ademais, que Galiza Nova está en contra deste maltrato animal que asimila a cultura española e esixiulle ao Goberno municipal que desenvolva unha oferta de lecer que teña en conta a mocidade e que aposte pola cultura galega e a educación en valores, que nada teñen que ver coa tortura e coa crueldade dos animais.
Galiza, Mellor sen Touradas denuncia persecución
Pola súa banda, o responsábel de Galiza, Mellor sen Touradas, Rubén Pérez, advertiu da persecución que sufriron activistas do colectivo cando pegaban cartaces en apoio á manifestación do domingo durante a pasada noite. Foron seguidos, sinalou, pola furgoneta da empresa que coloca os cartaces da feira taurina.
Rubén Pérez salientou que os cartaces das touradas desaparecen grazas a unha desobediencia civil masiva. A cidadanía non quere que se subsidien as touradas nin quere ver na Coruña espectáculos aberrantes coma este, concluíu.