O BNG presenta un voto particular sobre os inmobles susceptíbeis da exención do IBI
A Coruña, 20 de decembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou hoxe un voto particular ao ditame da Comisión informativa de Facenda e Administración pública, que tivo lugar no día de onte, sobre a aprobación definitiva da modificación das ordenanzas fiscais, co fin de que se precisen, na ordenanza fiscal do Imposto de Bens Inmobles (IBI), as condicións e o procedemento de exención do pago deste imposto nos edificios con antigüidade de 50 anos ou máis incorporados no catálogo cun nivel de protección integral. O BNG presenta este voto particular despois de que o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, dirixira un escrito ao alcalde, a 04.12.2013, para que precisar as exencións de pago no pleno ordinario do mes de decembro.
O voto particular do BNG expón os bens inmobles susceptíbeis de quedaren exentos do pago deste imposto, sempre previa solicitude da parte interesada e ditame favorábel dos servizos técnicos municipais. Neste sentido recolle que no ámbito do Plan Especial de Protección da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI) só estarían exentos aqueles bens inmóbeis que aparecen no catálogo cos nivel de «protección monumental» ou con nivel de «protección integral», segundo o indicado para tales efectos polos artigos 18 e 20 da normativa urbanística deste plan especial. Apunta o BNG que debe entenderse que os bens catalogados como de protección monumental tamén deben ser susceptíbeis de exención xa que o propio PEPRI de 1998 (art. 20) determina que a normativa que regula a protección destes edificios, correspóndese coa de protección integral.
O resto dos bens catalogados, indica o BNG no voto particular, só estarían exentos aqueles que figuren no catálogo do PXOM aprobado definitivamente no ano 2013 con «nivel I de protección integral», segundo o indicado para tales efectos no seu artigo 4.1.24 da súa normativa urbanística. Ora ben, expón o Bloque, neste ano 2013 que remata hai que estar ao catálogo de bens con nivel de protección integral do PXOM de 1998, na medida en que o devengo do IBI é o 1 de xaneiro de cada ano (art. 75.1 RDL 2/2004) e a data debe referenciarse o cumprimento dos requirimentos de exención respecto do nivel de catalogación.
O voto particular reflicte que, ademais, con independencia do seu nivel de catalogación tamén gozan, en principio, de dereito de exención aqueles bens inmóbeis aos que se refire o Decreto 571/1963, de 14 de marzo, é dicir, aqueles edificios de antigüidade superior aos 100 anos que conten con escudos, emblemas, pedras heráldicas, e demais pezas similares de interese histórico-artístico. Isto conforme á remisión que realiza o RDL 2/2004 ao Decreto 571/1963, a través da disposición adicional segunda da Lei 16/1985.
O BNG fai constar no voto particular que desde o 01/01/2013 non poderán ser obxecto de exención do art. 62.2.b) do RDL 2/2004 os bens inmóbeis afectos a actividades económicas (agás que lles resulte de aplicación algún dos supostos de exención previstos na Lei 49/2002, de mecenazgo).
Ademais de dar conta dos inmóbeis susceptíbeis de estaren exentos do IBI, o voto particular do BNG recolle que o prazo para resolver a solicitude será de tres meses e que ao se tratar dunha exención rogada, o recoñecemento desta exención tería efectos desde a data do acto de outorgamento da exención.
Por último, o Bloque indica no voto particular que estarán exentos, por criterios de eficiencia e economía na xestión recadatoria do tributo, os inmóbeis urbanos cunha cota líquida que non supere o importe de 6 euros e os inmóbeis rústicos cunhas cotas agrupadas relativas a un mesmo suxeito que non superen o importe de 12 euros.