O BNG e Galiza Nova lanzan un vídeo contra a lei do aborto do PP
A Coruña, 22 de decembro de 2013.- Con motivo da aprobación no Consello de Ministros do venres da reforma da lei do aborto do Partido Popular, a Comisión de Acción Feminista do BNG e mais Galiza Nova lanzan un vídeo en defensa do aborto libre, de balde e na sanidade pública galega. Entre as participantes no vídeo, atópanse a responsábel comarcal de Acción Feminista, Vitoria Louro, o responsábel comarcal do BNG, Paulo Carballada, as concelleiras María Xosé Bravo (A Coruña), Avia Veira (A Coruña), Silvia Seixas (Arteixo), Pura Ferreño (Coirós) e Estefanía Busto (Oza-Cesuras), amais de Xosé Manuel Carril (A Coruña), a responsábel local de Galiza Nova, Alba Sánchez, ou a actriz Isabel Risco.
Con este vídeo, que as nacionalistas difunden nas redes sociais, o BNG expresa o seu rexeitamento a unha lei que supón unha involución sen precedentes en materia de dereitos das mulleres. As nacionalistas denuncian que o PP desatende as necesidades das mulleres e que só se move por criterios ideolóxicos reaccionarios, recalcitrantes, por contentar os sectores máis ultra e por cumprir cos desexos da Conferencia Episcopal.
O BNG e Galiza Nova anuncian que desenvolverán acción de denuncia contra un PP que se cre con dereito a impoñer o que as mulleres deben facer e decidir e contra unha lei que nos leva aos tempos en que as mulleres quedaban confinadas nas casas, dedicaban todo o seu tempo aos maridos, non traballaban e tiñan os fillos e as fillas que a providencia dictaba. As nacionalistas subliñan que o PP pretende que as mulleres volten a ese mundo mais, advirten, non o vai conseguir.