O BNG deixa en evidencia o incumprimento da nova ordenanza de terrazas do Goberno do Sr. Negreira
A Coruña, 23 de decembro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira deixou en evidencia o Goberno do Sr. Negreira ao debullar na sesión plenaria os incumprimentos da nova ordenanza municipal reguladora de terrazas en espazos públicos. De feito, a edila do Partido Popular de Tráfico, Mobilidade e Uso e Utilización do Dominio Público non foi quen de responderlle á nacionalista cando formulou a pregunta oral sobre a aplicación desta normativa aprobada hai 7 meses. Na súa intervención, a concelleira do BNG acusou o PP de permitir que estabelecementos hostaleiros instalen as terrazas sen a autorización a pesar de que ao PP lle constan denuncias de veciños e veciñas e mesmo que os locais non teñen permiso.
Avia Veira que o Concello non recadara absolutamente nada pola taxa segundo reflicte os orzamentos de 2014. Cero euros recados, pero cantas terrazas novas se instalaron e cantas medraron desmesuradamente?, preguntou. Denunciou, a continuación, o problema de accesibilidade derivado da instalación dalgunhas terrazas do centro, que mesmo chegan a ocupar o espazo das beirarrúas inmediatamente posterior aos pasos de peóns, e denunciou as dificultades que terían os servizos de emerxencia en determinadas rúas.
A concelleira do BNG tamén lle botou en cara ao PP o incumprimento da prohibición de empregar a vía pública como almacén ou amontoamento de mobiliario, aínda que se efectúe dentro do espazo autorizado.Moitísimos locais deixan as súas terrazas instaladas ou recollidas no espazo público fóra do horario de apertura e isto non o permite a normativa, salientou Avia Veira.
As arbitrariedades á hora de situar as terrazas foi outro dos puntos denunciados pola nacionalista, que se referiu, en concreto, á rúa Barcelona, onde hai terrazas no eixo da rúa e tamén hai outras terrazas pegadas á fachada Todo lles vale, criticou. Até cando estas arbitrariedades?, preguntou a edila do BNG, que lembrou que as alegacións do Bloque a esta ordenanza trataban sobre os problemas de inseguridade xurídica e de arbitrariedade.
Por último, Avia Veira aludiu á situación caótica no proceso de tramitación e outorgamento de licencias, con centos de expedientes sen resolver sobre a mesa, e reprochoulle ao Goberno do Sr. Negreira que non cumprira co compromiso de reforzar o persoal para acometer estas tarefas. Isto provoca sobresaturación e provoca que algúns hostaleiros se aproveiten das dificultades e dos atrasos para instalar a súa terraza sen ter aínda o permiso. Tamén criticou Avia Veira que o Goberno do PP non creara a comisión especial de terrazas para o seguimento, asesoramento, coordinación e control da aplicación e desenvolvemento da ordenanza.
O Goberno do Sr. Negreira ponse do lado da Xunta de Galiza e négase a valorar o peche da planta de medicina interna do hospital Abente y Lago
Pola outra banda, o PP tampouco respondeu a pregunta oral formulada pola concelleira nacionalista María Xosé Bravo. Así, o Goberno do Sr. Negreira non deu valoración ningunha sobre o peche das 25 camas da planta de medicina interna do hospital Abente y Lago e mesmo xustificou que as camas estean inhabilitadas. Ademais, o Goberno do Sr. Negreira desoíu a petición realizada polo BNG, queremos saber se podemos contar con vostede para que lle esixa á Xunta de Galiza a apertura completa desta planta e rexeitou ponerse do lado das persoas doentes.
Na súa intervención, María Xosé Bravo lembrou que o Sergas só habilitou, de xeito provisional, 9 camas tres días antes na folga da sanidade, debido ás presións exercidas tanto polo persoal sanitario como polo BNG no Parlamento de Galiza. E expuxo que as camas habilitadas non son suficientes cando, na Coruña, o tempo de espera medio para unha operación cirúrxica pasou de 71,8 días en xuño a 82,9 días en setembro. Nesta liña, puxo de manifestou que as 25 camas son necesarias non só cando as urxencias do CHUAC estean colapsadas, senón de forma permanente.
A continuación, Bravo aludiu aos recortes do PP en materia de sanidade. Fixo fincapé, entre outros, na supresión do Plan de Mellora de Atención Primaria, que prevía resolver a masificación das consultas e na eliminación da actividade dos hospitais públicos pola tarde. Son vostedes unha lacra, unha peste para a saúde, salientou. Desde que gobernan, acabaron coa universalidade da oferta sanitaria pública e, nun acto de indignidade absoluta, deciden impoñer un imposto á enfermidade co copago, engadiu. Tamén afeou as declaracións do presidente da Xunta cando pediu máis e menos medicamentos.
Por último, a concelleira do BNG criticou as políticas de acoso e derribo do PP á sanidade pública, unhas políticas que leva a que haxa pacientes amoreados en padiolas e sillóns nas urxencias do CHUAC, continuamente colapsadas, e salientou que os recortes en sanidade, que matan, lles afectan principalmente ás mulleres. Puxo como exemplo, o peche do centro de planificación familiar do Ventorrillo.