O BNG presenta varias iniciativas no Parlamento de Galiza para paralizar a poxa da Maestranza
A Coruña, a 29 de marzo de 2016.- A instancias do Grupo Municipal da Coruña, o Grupo Parlamentario do BNG rexistrou esta maña sendas iniciativas para que o Parlamento de Galiza inste ao Goberno do Estado a paralización da poxa dos terreos da Maestranza, así como a solicitude ao Ministerio de Defensa da devolución gratuíta ao Concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público.
O BNG presentou hoxe á mañá sendas iniciativas no Parlamento de Galiza para que Xunta esixa o Goberno do Estado a paralización da poxa dos terreos da Maestranza
Estas iniciativas, para o seu debate tanto en Pleno como en Comisión, consisten en respectivas preguntas e proposicións non de lei, e recollen así, a contrastada demanda da veciñanza da cidade para a paralización da poxa duns terreos que suman 29.262 metros cadrados que o Ministerio de Defensa dun Goberno en funcións anunciaba no BOE de 24 de febreiro.
A instancias do Grupo Municipal, os deputados nacionalistas Francisco Jorquera e Ana Pontón, levarán tanto a Pleno como a Comisión esta proposta, na que tamén solicitan a devolución gratuíta ao Concello da Coruña dos terreos do Campo da Estrada para uso público
As nacionalistas lembran na iniciativa que non é a primeira vez que Defensa, grazas ao convenio urbanístico asinado co Concello o 30 de xuño de 1984, actúa como unha auténtica inmobiliaria dedicada á especulación urbanística e que con operacións anteriores xa ingresara case 8.000 millóns de pesetas, uns 48 millóns de euros de hoxe.
O BNG argumenta a súa proposta en que os terreos do Campo da Estrada que o Ministerio de Defensa pretende sacar a poxa pública (nos que se construíron primeiro o sistema defensivo das murallas, logo a Real Maestranza no século XVIII, e despois o cuartel de Atocha no século XIX), eran e son terreos comunais, é dicir da cidade, ocupados polas monarquías absolutistas para instalacións militares defensivas e en usufruto polo Ministerio da Guerra (hoxe de Defensa) e están situados entremurallas, no ámbito de protección de Bens de Interese Cultural (BIC), de altísimo valor patrimonial: o sistema defensivo medieval (lenzo da muralla medieval e o Campo da Estrada) e o sistema defensivo barroco (lenzos e fosos, explanadas e baluartes da muralla barroca).
Estes sistemas están definidos como BIC do Catálogo Municipal de Edificios e Conxuntos do Plan Especial de Reforma Interior da Cidade Vella e Pescadería (PEPRI), que obriga á súa conservación, mantemento e restauración. Por outra banda, as murallas da cidade da Coruña foron declaradas Ben de Interese Cultural do Conxunto Histórico Artístico mediante decreto 29/1984, de 9 de marzo, da Consellería de Educación e Cultura. Asemade estes terreos forman parte do común, do sistema defensivo da Praza Forte da Coruña e en tanto que terreos do común, son bens propios, pertencentes á cidade desde a súa fundación. Por outra banda, a existencia de restos arqueolóxicos de todo ese sistema defensivo, requiriría a correspondente autorización da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e do Concello da Coruña para calquera tipo de actuación, sinalan as nacionalistas.
Nas mesmas iniciativas o Bloque lembra que tanto a lexislación vixente en materia de Patrimonio Arqueolóxico como a documentación arqueolóxica recollida no últimos 30 anos, sumado á cartografía militar dos séculos XVII e XVIII, xunto coa clasificación do PEPRI da área dentro de zona arqueolóxica A, cautela de grao 1, mostran a importancia patrimonial deste espazo e por tanto as cargas ás que pode estar sometida calquera obra de edificación que se proxecte realizar no mesmo, o cal xa foi expresamente advertido ao Ministerio de Defensa.
O BNG lembra que no próximo Pleno do Concello presentará a moción que a Comisión Aberta en Defensa do Común trasladou a todos os grupos municipais
Por último, o Grupo Municipal do BNG, como xa anunciou a semana pasada, presentará no vindeiro Pleno a moción que a Plataforma Aberta en Defensa do Común trasladou a todos os grupos municipais e na que se insta ao Concello da Coruña a solicitar do Ministerio de Defensa a devolución gratuíta dos terreos do Campo da Estrada e agarda que esta moción sexa aprobada por unanimidade de todos os grupos municipais xa que logo entenden que a poxa, resolta con nocturnidade e aleivosía por un Goberno en funcións, favorece só intereses privados, que non ten nada que ver co ben común.
Achéganse as iniciativas rexistradas hoxe:
- Pregunta para a súa resposta escrita
- Pregunta para a súa resposta oral en Comisión
- Pregunta para a súa resposta oral en Pleno
- Proposición non de lei para o seu debate en Comisión
- Proposición non de lei para o seu debate en Pleno
Noticias relacionadas: