O BNG considera positivo que se incúan as súas achegas aos orzamentos
A Coruña, 18 de marzo de 2016.- O Grupo Municipal do BNG cualifica como positivo que na proposta de orzamentos que hoxe a mañá se aprobou na Xunta de Goberno se teñan incluídas varias das propostas que lle achegou ao Goberno municipal, e é que o Bloque propoñía incluír novidades encamiñadas a poñer os barrios no centro das políticas municipais, promover unha economía que dinamice o comercio, os mercados e a actividade cooperativa ou devolverlle a cidade o investimento en cultura abandonado no mandato anterior.
O Grupo Municipal do BNG sinala que a externalización segue pesando e o proceso de elaboración non foi participativo aínda que cre positivo que se incluíran varias das súas achegas na proposta de orzamentos
Así, as nacionalistas xa puideron comprobar na documentación que se lles enviou esta semana que a proposta recolle as súas suxestións para o aumento de investimentos para acondicionar os CEIP ou para amañar os mercados municipais, o aumento das partidas para a compra de libros e materiais nas bibliotecas municipais, a recuperación da Feira do Libro, ou mesmo a creación dun banco de locais comerciais e dunha liña de axudas ao emprendemento en cooperativas, como a colocación de beirarrúas en Elviña, crear un espazo cuberto na praza Elíptica, mellorar camiños e construír unha praza en Bens, rehabilitar o Barrio das Flores etc, mais lembran que faltan por especificar moitas das actuacións inmediatas que propuñan.
Preocúpanos que non aparecen reflectidas no concreto moitas desas actuación coas que o Executivo local manifestaba a súa concordancia. Queremos que deixen de estar agochadas nas partidas xenéricas e que se nos diga polo miúdo cales son as que pensan desenvolverse con este orzamento, como as propostas de actuación que faciamos para a 2ª fase do corredor de Novo Mesoiro ou para o mercado de Monte Alto por exemplo, sinala Avia Veira.
Avia Veira: Seguímoslle a pedir ao Executivo local concreción nas actuacións inmediatas que nós propoñiamos incluír nos orzamentos como as propostas que faciamos de investimentos para a 2ª fase do corredor de Novo Mesoiro ou para o mercado de Monte Alto, por exemplo
Deste xeito, as nacionalistas sinalan que antes da Comisión de Facenda prevista para a semana que vén seguirán estudando polo miúdo a proposta para poder facer aquelas achegas que puideran quedar descolgadas na proposta final que se leve a Pleno.
Neste sentido o Bloque subliña que nestes orzamentos seguen a pesar as externalizacións, as asistencias técnicas e os traballos realizados por outras empresas, e entenden que estas partidas aínda se deben rebaixar máis e poden ser axustadas no documento final que se aprobe para así poder destinar eses cartos para priorizar outras actuacións.
O Grupo Municipal do BNG lembra, por último, que a proposta de orzamento que se vai a levar á comisión de Facenda da semana que vén, e ao Pleno para a seguinte, non foi participada pola veciñanza e entende que debe ser a última que se faga deste xeito. Nós levabámolo no noso programa, e a Marea Atlántica tamén: a elaboración dos orzamentos municipais debe ser participativa, ten que ser a propia veciñanza a que decida onde se invisten os seus cartos polo que as entidades sociais, que traballan de cotío nos barrios, deben de cobrar protagonismo e ser axentes activos na elaboración dos orzamentos municipais. A cidadanía debe participar de maneira directa e voluntaria na asignación dos recursos económicos municipais e na transparencia no destino do gasto público conclúe Avia Veira.
Artigos relacionados
- O BNG recibe parte da documentación dos orzamentos municipais
- O BNG segue agardando pola resposta ás súas achegas aos orzamentos
- O BNG non determinará o seu voto sobre o orzamento até ter acceso ao expediente definitivo
- O BNG trasladoulle ao Goberno municipal as súas propostas para os orzamentos
- O BNG achegará as súas propostas para os Orzamentos
- Avia Veira: Estamos dispostos a falar de propostas para facer os orzamentos canto antes"
- O BNG introducirá os orzamentos na Comisión de Portavoces convocada para mañá
- Veira: Tomamos a iniciativa e convocamos esta reunión para traballar con seriedade, con propostas"
- O BNG convoca á Marea e ao PSOE para dar saída aos Orzamentos 2016
- O BNG insta a Marea e o PSOE a que abandonen a dramatización nos Orzamentos 2016
- Orzamentos 2016: "Demandamos que se emitan por streaming as reunións Marea-PSOE" ironiza Avia Veira
- Por que nos achegaron onte os que "parecen ser" os Orzamentos 2016?
- Veira: É insostíbel que se prorroguen indefinidamente os orzamentos do PP de 2015"