Avia Veira: "É vergoñenta e inadmisíbel a posta á venda do Hotel Finisterre e a Solana"
A Coruña, 31 de marzo de 2016.- Diante desta operación de venda por anacos do patrimonio público da cidade primeiro A Maestranza, logo os peiraos do porto interior e agora os terreos da Solana, o BNG lémbralle ao Goberno municipal e á Autoridade Portuaria que ten impugnado o PXOM precisamente polo cambiazo da cualificación urbanística de público a privado dos terreos da Solana mais tamén no que ten a ver cos peiraos de Batería e Calvo Sotelo.
Diante desta operación de venda por anacos do patrimonio público da cidade primeiro A Maestranza, logo os peiraos do porto interior e agora os terreos onde están a Solana o Finisterre, o BNG lémbralle ao Goberno municipal e á Autoridade Portuaria que ten impugnado o PXOM polo cambiazo da cualificación urbanística de público a privado dos terreos da Solana mais tamén no que ten a ver cos peiraos de Batería e Calvo Sotelo
Así pois, o Grupo Municipal do BNG cualifica de vergoñenta e inadmisíbel a posta á venda do Hotel Finisterre e a Solana por parte da Autoridade Portuaria, tras o anuncio realizado onte polo Presidente do Porto Enrique Losada.
De feito, as nacionalistas lembran que xa advertiran en outubro de 2014 do pelotazo urbanístico que supuxo a modificación na cualificación urbanística e o cambio de dotacional público a dotacional privado dos terreos onde se sitúan ambas instalacións no PXOM aprobado definitivamente polo Partido Popular.(Adxúntase nota de prensa de 24 de outubro de 2014). O Bloque sinala que desgrazadamente se confirman as súas advertencias xa que adiantaba naquela altura que o obxectivo da modificación da cualificación foi planificar e facilitar para agora executar unha grande operación de venda dos terreos da cidade sen poxa pública e para resolver os graves problemas de financiamento da Autoridade Portuaria.
As nacionalistas xa advertiran en outubro de 2014 do pelotazo urbanístico que supuxo a modificación na calificación urbanística e o cambio de dotacional público a dotacional privado dos terreos onde se sitúan o hotel Finisterre e A Solana no PXOM aprobado definitivamente polo Partido Popular
O BNG lembra que o cambiazo en cuestión atinxiu á cualificación prevista inicialmente de dotacional público que co PXOM aprobado definitivamente polo Partido Popular pasou a dotacional privado. Así, no plan xeral aprobado inicialmente en decembro de 2009 a superficie figuraba como dotacional público. Tal cualificación cámbiase no PXOM aprobado provisionalmente en agosto de 2012, en que estes case 30.000 m2 superficie aparecen cualificados como dotacional privada, manténdose así no PXOM aprobado definitivamente polo PP en 2013.
Para que teñan cabida eses usos sociais ou para a cidadanía dos terreos portuarios dos que está a falar agora o Sr. Ferreiro é necesario mudar o planeamento urbanístico, xa que o que permite actualmente nos peiraos de Batería e Calvo Sotelo só é a construción de mamotretos de dez alturas, sinala Avia Veira
Por esta razón, e porque semella que existe por parte do Estado unha operación de posta en venta por anacos do patrimonio público da cidade, o BNG exíxelle ao Goberno municipal que teña unha actitude contundente e reprobatoria contra a Autoridade Portuaria e que lle exixa a marcha atrás ao anuncio da venda dos terreos do Hotel Finisterre e da Solana, conclúe Avia Veira.
As nacionalistas lembran tamén que un dos motivos polo que o BNG recorreu o PXOM ante os tribunais é precisamente este cambiazo improcedente na cualificación da titularidade mais tamén o que ten a ver coa ordenación dos terreos dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo.
No que ten a ver cos terreos dos peiraos do porto interior, o Bloque lembra que para que teñan o uso social ou para a cidadanía do que fala o Sr. Ferreiro é necesario modificar o planeamento urbanístico xa que o que contempla o PXOM actualmente nas súas fichas urbanísticas é a construción de mamotretos de até 10 alturas e a excepción do deber legal de de cesión do 10% do aproveitamento para a reserva de dotacionais xerais e locais correspondentes, algo que, no seu recurso ao plan xeral, o BNG cualificaba como nulo de pleno dereito porque esa excepción do deber legal de cesión do 10% en chan non consolidado non está contemplado nin na lexislación estatal nin na autonómica.
O Bloque exixe que na modificación na ordenación dos espazos portuarios se preserve a actividade económica do porto actual como lugar de actividade comercial e de pesca
Así mesmo, , en coherencia co recollido nos seus programas electorais de 2011 e 2015 e coa súa aposta polos sectores produtivos da cidade, o Grupo Municipal do BNG demanda que na modificación na ordenación dos espazos portuarios se preserve a actividade económica do porto actual como lugar de actividade comercial e de pesca por ser un motor de xeración de riqueza e emprego importantísima para a nosa cidade.