O BNG presenta unha moción encamiñada a lograr un plan de emprego feminino
A Coruña, 28 de febreiro de 2015- Con motivo do 8 de marzo, o Grupo Municipal do BNG levará a pleno unha moción para que o Concello da Coruña inste a Xunta de Galiza a cumprir, nun prazo máximo de dous meses, coa promesa de aprobar un Plan de Emprego Feminino, co orzamento necesario para se desenvolver ao longo dos próximos catro anos. A finalidade da moción presentada polo Bloque pasa por estabelecer medidas destinadas a incrementar a taxa de emprego feminino, por promover a contratación de mulleres nos sectores en que está subrepresentada, por reducir o alto grao de precariedade das traballadoras na Galiza e por atallar a problemática das mozas galegas para accederen ao emprego.
O Grupo Municipal do BNG insiste en que a desigualdade que viven as mulleres galegas viuse acentuada co aumento da precariedade laboral desde comezos da crise, sen a implantación de políticas efectivas que puidesen frear o crecemento da fenda que sitúa as mulleres á marxe e que lles deixa cada vez máis as portas abertas ao desemprego, ao emprego precario ou á emigración. De feito, os últimos datos do paro sinalan que das 22.413 persoas que están no paro, case 12.000 son mulleres.
Na mesma liña, o Bloque fai alusión á fenda salarial, pois malia escoitarmos insistentemente o discurso da igualdade conseguida, a realidade reflicte que as diferenzas salariais entre homes e mulleres continúan ampliándose. Ademais, as mulleres son as principais afectadas cando nos referimos as persoas que se atopan en risco ou situación de exclusión social. Asemade, o desigual reparto de responsabilidades á hora de asumir o traballo non remunerado supón que a maternidade sexa un factor de penalización sobre o emprego das mulleres.
As nacionalistas sinalan na moción que as chamadas políticas de austeridade frearon a posta en marcha de políticas de igualdade, tanto a nivel lexislativo como de realización de programas concretos. Así, algúns instrumentos con medidas antidiscriminatorias, como a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galiza, está paralizada. Algunha das medidas máis necesarias neste momento incluídas nesta lei, como é a posta en marcha de medidas que melloren o emprego feminino, continúa a agardar pola súa implementación, denuncia o Bloque.