Non perdas este sábado o acto sobre o TTIP
A Coruña, 27 de febreiro de 2015- O BNG organiza para mañá a xornada de debate Soberanía e dereito a decidir! A alternativa dos pobos ao tratado de libre comercio USA-UE (TTIP) co fin de explicar as consecuencias devastadoras da aplicación deste tratado para Galiza.
O acto central da xornada consiste nunha asemblea aberta sobre o TTIP, que terá lugar ás 18.30h no salón de actos do CUR (antiga Empresariais) e que contará coas intervencións de Marisol Mirás, activista do movemento veciñal e número 3 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, Xosé Manuel Carril, portavoz do Grupo Municipal do BNG e cabeza de lista da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, Xavier Vence, portavoz nacional do BNG, e Joseba Permach, responsábel da área socioeconómica de SORTU, integrante de EH Bildu, para debater ao redor do TTIP.
Ademais da asemblea, celebrarase un encontro con representantes de organizacións sociais cuxas conclusións se darán a coñecer na asemblea- e proxectarase un vídeo da CIG que bota luz sobre este tratado que a UE e os EUA tratan de agochar.
Esta xornada forma parte da primeira fase dunha campaña de explicación social que está a pór en marcha o Bloque para explicar e alertar dos riscos e do impacto brutal da aplicación deste tratado económico no pobo galego. Nunha segunda fase, o Bloque buscará a oposición e a mobilización social, co fin de parar un tratado con consecuencias absolutamente brutais para o pobo galego e, nomeadamente, para as clases traballadoras, a parte do pobo que peor o está a pasar.