O Goberno pagará os 605.000 da copa do rei de baloncesto cos cartos do encarecemento da auga
A Coruña, 28 de febreiro de 2015.- O BNG sinala que o Goberno do Sr. Negreira pagará os 605.000 euros da Copa do Rei de baloncesto que lle corresponden ao Concello da Coruña polo canon para o desenvolvemento deste evento con cartos que proceden do encarecemento do recibo da auga. E é que as achegas que lle transfere Emalcsa á Fundación Emalcsa (entidade encargada de abonar a cantidade que lle corresponde ao Concello da Coruña segundo o protocolo de colaboración para a celebración da Copa do Rei de baloncesto) son froito dos seus beneficios que proceden da xestión do servizo público da auga e do saneamento e, por tanto, da suba tarifaria aprobada en 2013.
Os orzamentos de Emalcsa para o ano 2015 mostran a achega de 1.350.000 euros para a Fundación Emalcsa. Cáseque o 45 % desta transferencia, salientan as nacionalistas, poderá ir destinada, segundo o protocolo de colaboración, a pagar o canon para a celebración deste torneo deportivo na Coruña en 2016.
O BNG lembra que a Fundación Emalcsa, que responde á ocultación e á falta de transparencia do Partido Popular, recibiu da empresa pública de augas desde o ano 2012 máis de 4,5 millóns de euros.