O BNG presenta máis de 300 reclamacións á ordenanza fiscal do lixo
A Coruña, 21 de novembro de 2013.- O BNG da Coruña rexistrou máis de 300 reclamacións á ordenanza fiscal nº 6, reguladora da taxa pola prestación do servizo de recollida e tratamento de lixo e residuos urbanos, co fin de que o pobo da Coruña pague polo que realmente se recicla na planta de Nostián. Deste xeito, as máis de 300 reclamacións piden que o Goberno do Sr. Negreira revise as tarifas da ordenanza fiscal nº6 en función do tratamento real e efectivo actualmente existente do lixo e dos residuos urbanos e que elabore unha nova memoria económico-financeira que repare sobre o custo da actividade do tratamento do lixo e que xustifique a contía da taxa proposta segundo o grao de tratamento realmente efectivo do lixo, para que, deste xeito, se pague en correspondencia ao servizo recibido.
Nas reclamacións exponse que a prestación do servizo de tratamento de lixo e dos residuos urbanos non se está a cumprir nas condicións fixadas na concesión administrativa do servizo público de xestión da planta. Saliéntase de que non se está a cumprir co compromiso de tratar o 65% do lixo recollido, tendo en conta que na concesión se estabelecía a porcentaxe máxima de rexeitamentos nun 35% (lixo non tratado na planta de reciclaxe e que, polo tanto, depositiba directamente no vertedoiro). Deste xeito, sinálase, que se está a pagar unha taxa pola prestación dun servizo que non se está a cumprir nas condicións legalmente estabelecidas.
Ademais, as reclamacións aluden á lexislación aplicábel na materia que é moi clara en relación coa cuantificación do importe da contía da taxa, que debe estar sempre vencellada ao custe do servizo ou actividade do feito impoñíbel, mais tamén á prestación real e efectiva do servizo determinante do feito impoñíbel da taxa.