O BNG pide a cesión temporal dun local para a ONGD Xabier Pita
A Coruña, 21 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG solicitou no pasado pleno de outubro, a través dun rogo, a cesión temporal dun espazo para que a ONGD Xabier Pita poida seguir desenvolvendo o seu traballo social, un labor que é responsabilidade das Administracións públicas e que non sempre realizan. A concelleira María Xosé Bravo advirte de que o traballo desta entidade corre o risco de desaparecer se non conta cun local axeitado. Porén, a mes de novembro, o Goberno do Sr. Negreira non moveu nin un dedo para cederlle un local a esta ONGD, que atende un colectivo dunhas 900 persoas.
O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que esta asociación leva xa un tempo solicitando a cesión temporal dun local en que poder desenvolver o labor solidario. As moitas tarefas que leva a cabo a entidade solidaria artéllanse en dous grande ramos: a sensibilización da cidadanía respecto aos problemas da pobreza nos países en vías de desenvolvemento e a realización de actividades e proxectos que permitan a mellora das condicións de todos os países do mundo.