O BNG urxe o PP a mover ficha en Nostián
A Coruña, 22 de novembro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o Goberno do Sr. Negreira debe mover ficha, de inmediato, e debe abandonar a súa pasividade de cara a resolver a situación derivada do tratamento de residuos urbanos. As nacionalistas aluden a tres razóns para que o Goberno do PP adopte unha postura activa en relación á concesión de Albada e á planta de Nostián.
En primeiro lugar, o BNG sinala que o Sr. Negreira debe facer públicas as auditorías técnica e económica da planta de Nostián tendo en conta que o Goberno municipal foi condenado por unha sentenza xudicial, precisamente, por vulnerar os dereitos fundamentais de Xosé Manuel Carril ao impedirlle o acceso ás auditorías. Coa publicación destas, tanto o BNG como o conxunto da cidadanía poderán ter coñecemento do grao de cumprimento ou incumprimento da concesión administrativa por parte de Albada.
En segundo lugar, o Grupo Municipal do BNG considera que o Goberno do PP debe revisar as tarifas da ordenanza fiscal nº6 en función do tratamento real e efectivo actualmente existente do lixo, tal e como piden as máis de 300 reclamacións presentadas polo BNG á ordenanza fiscal nº6. As nacionalistas subliñan que o Goberno municipal debe acometer esta revisión co fin de que o pobo da Coruña pague polo que realmente se recicla na planta de Nostián.
En terceiro lugar, e chegado o momento, dado que a empresa non garante o cumprimento dos termos da concesión municipal, o BNG defende que o Goberno do Sr. Negreira proceda á intervención da concesión administrativa para xestionar directamente e temporalmente a planta de Nostián por conta e risco económico de Albada. Deste xeito, garantirase a correcta prestación do servizo público.