O BNG pregúntase que acontece co PXOM
A Coruña, 24 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do advirte de que mañá, 25 de maio, se cumpren tres meses da publicación da Orde da Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (COMATI) da Xunta de Galiza, sobre a aprobación definitiva e condicionada do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello da Coruña e pon de manifesto que, malia pasaren estes tres meses, aínda non se publicou o contido normativo do PXOM no Boletín Oficial da Provincia. De aí que as nacionalistas denuncien o atraso e o relacionen cos cambios de fondo e de calado aos que a Xunta de Galiza condicionou a aprobación definitiva do plan, tal e como alertara, no seu día o BNG.
O Grupo Municipal do BNG salienta que o atraso na publicación do contido normativo do PXOM evidencia que os cambios non eran as meras cuestións formais nas que se escudaba o Goberno do Sr. Negreira, senón que eran modificacións substanciais, como xa advertiran as nacionalistas. Precisamente, a Orde de 25 de febreiro de 2012 era moi rotunda respecto das modificacións a introducir, ao sinalar que outorga a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Coruña, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, condicionado á introdución das modificacións contidas no punto II desta orde e ao recoller que cómpre achegar un documento refundido que introduza eses cambios.
Os cambios impostos ao PXOM do Goberno municipal pola Xunta de Galiza xa foran sinalados, en repetidas ocasións, polo BNG, mesmo comunicados directamente ao Goberno do Sr. Negreira antes e no propio Pleno extraordinario da Corporación Municipal de decembro de 2012.
Que quere ocultar o Goberno municipal e a Xunta de Galiza e por que non explican as causas desta demora?
O Grupo Municipal do BNG pregúntase que é o que quere ocultar o Goberno municipal e a Xunta de Galiza e por que non explican as causas da demora da publicación do contido normativo do PXOM. Para as nacionalistas, o atraso na publicación do contido normativo pon de manifesto que, a pesar dos eufemismos empregados polo Goberno municipal e das palabras edulcoradas, o Sr. Negreira xa non pode negar o evidente: os cambios impostos pola Xunta de Galiza ao PXOM non eran simples matizacións nin modificacións menores, senón cambios substanciais.
As nacionalistas volven reclamarlle ao Goberno municipal que, por unha cuestión de seguridade xurídica, o PXOM volva, de novo, ao Pleno, que é o único órgano competente para a aprobación do seu documento refundido, incluíndo os cambios sinalados pola Xunta de Galiza.