O BNG acusa o Sr. Negreira de non querer ir á raíz da fraude das preferentes
A Coruña, 24 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG esíxelle ao Sr. Negreira que vaia á raíz da fraude das preferentes e lle emprace o seu partido a modificar a Lei 9/2012, de 14 de novembro, de restruturación e resolución de entidades de crédito, a normativa que permite as quitas, e que non se limite a asinar un convenio para facilitarlle asesoramento xurídico ás persoas estafadas.
As nacionalistas acusan o Goberno municipal de vivir das apariencias e de non querer resolver, no fondo, a fraude das preferentes. Podería facelo, sinalan, de modificar a lei que estabelece as quitas, unha normativa que contou co voto a favor dos deputados coruñeses do PP no Congreso, entre eles, o número 5 das listas coas que o Sr. Negreira concorreu ás eleccións municipais, o ex concelleiro Juan De Dios Ruano. Porén, o Goberno do Sr. Negreira tombou, até en dúas ocasións, as iniciativas levadas a Pleno polo BNG, no mes de febreiro e no de abril, para modificar a normativa e para deixar sen efecto a quita.
O Grupo Municipal do BNG salienta que se o alcalde quere axudar a resolver a inxustiza que padecen as persoas estafadas ten a pelota no seu tellado: instar o PP a modificar a lei que legaliza o roubo. Só mediante a modificación da lei, as persoas estafadas poderán recuperar o 100% dos seus aforros. Para as nacionalistas, que acusan o Sr. Negreira, o Sr. Feijóo e o Sr. Rajoy de incumprir todas as promesas dirixidas ás persoas estafadas pola fraude das preferentes só co obxectivo de gañar votos, a única solución pasa pola devolución dos aforros íntegros en líquido, nunca en produtos financeiros.