O BNG pide medidas contra o envelenamento de animais e para a tenza responsábel

O BNG pide medidas contra o envelenamento de animais e para a tenza responsábel

A Coruña, 23 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de rexistrar unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que lle pide ao Goberno do Sr. Negreira a adopción de medidas contra o envelenamento de animais domésticos no barrio de Monte Alto e para o impulso de campañas de tenza responsábel de animais.

Nunha das iniciativas, a concelleira do BNG Avia Veira sinala pregúntalle ao Goberno municipal se ten constancia dos envelenamentos que están a ter lugar en Monte Alto e se desenvolveu algunha acción de investigación a través da policía local para esclarecer os feitos. Pregunta, tamén, se ten previsto desenvolver algunha acción informativa para amosarlle á cidadanía os pasos a seguir ante a aparición de cebos envelenados e ante o envelenamento de animais.

A edila nacionalista pon de manifesto que, nos últimos meses, veciños e veciñas de Monte Alto detectaron substancias tóxicas cas que se pretendía envelenar animais. De feito, apareceron bolsas con raticida e con líquido anticonxelante en bebedoiros que a veciñanza coloca perto das fontes públicas para que os animais poidan beber. Estas condutas, sinala Avia Veira, poden supoñer a comisión de delitos en materia de matrato cara os animais e, tamén, contra a saúde pública.

Avia Veira: “O apoio municipal ás campañas de tenza responsábel de animais é necesario dadas as circunstancias de abandono que sofre este eido durante o presente mandato”

Sobre a tenza responsábel de animais, a concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se ten previsto desenvolver algunha campaña e se pensa solicitar algunha clase de apoio ao tecido asociativo en defensa dos animais. Na iniciativa, Avia Veira sinala que varias clínicas veterinarias da cidade, baixo o liderado da asociación animalista Libera, están a desenvolver, ao longo deste mes, unha campaña de tenza responsábel a través do impulso da implantación obrigada do microchip identificador en cans, gatos e furóns, respecto da normativa vixente.

Avia Veira pon de manifesto que o impulso desta campaña privada evidencia o interese dos colectivos en defensa dos animais por promover accións de sensibilización. Advirte a nacionalista de que o apoio municipal é necesario dadas as circunstancias de abandono que sofre este eido durante o presente mandato. E é que, tal e como denuncia a concelleira do BNG, o Concello da Coruña aínda non desenvolveu ningunha campaña de tenza responsábel de animais desde que o Sr. Negreira é alcalde da Coruña.

O BNG pide medidas contra o envelenamento de animais e para a tenza responsábel