O PEPRI non só foi depurado, senón que naceu obsoleto
A Coruña, 21 de xaneiro de 2015.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego sinala que o PEPRI non só foi depurado, entre outros, cos informes de Patrimonio e o Instituto Galego de Vivenda e Solo, senón que nace obsoleto. E é que o documento do PEPRI para a súa aprobación definitiva polo pleno da corporación municipal do vindeiro día 26 de xaneiro de 2015 non recolle a potestade da administración local para expropiar co fin de instalar elevadores de acordo co artigo 15 da Lei 8/2013 de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas.
As nacionalistas, que xa advertiran desta situación en decembro pasado, sinalan que o PEPRI que irá a pleno o luns contempla a instalación de elevadores como actuación de reestruturación parcial (art. 59.2), mais nada di sobre as expropiacións para os instalar, nin tampouco fai referencia á aplicación e delimitación do ámbito da mesma en relación coa Lei 8/2013.
O Grupo Municipal do BNG sinala que se o Concello da Coruña quixer seguir expropiando para a instalación de elevadores, debería ter modificado o PEPRI, ademais de modificar a ordenanza de conservación e rehabilitación de inmóbeis para se adaptar, en ambos casos, ao que sinala a Lei 8/2013 e o Plan estatal de fomento do aluguer de vivendas, a rehabilitación edificatoria e a rexeneración e renovación urbanas 2013-2016. Lembran as nacionalistas que o Concello só podería expropiar para pór elevadores se a súa instalación se encadra nunha actuación de rehabilitación e que dita instalación estea prevista en plans, delimitación de ámbitos de rehabilitación e ordes de execución.
Ademais as nacionalistas salientan que o PEPRI de 2014 incorpora o contido da Área de rehabilitación da Cidade Vella e Pescaría no artigo 26.1 da normativa urbanística e este non contempla a actuación expropiatoria. O BNG lembra que a delimitación dunha área de rehabilitación, segundo o artigo 12.a da Lei 8/2013, lexitima por si mesma a expropiación.