O BNG pídelle ao Goberno municipal que cumpra a lexislación lingüística
A Coruña, 31 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG vén de presentar unha serie de iniciativas en que lle reclama ao Goberno do Sr. Negreira que cumpra a cativa lexislación lingüística vixente, aprobada por unanimidade no Parlamento de Galiza. A concelleira Avia Veira advirte, nunha pregunta para a resposta escrita, en que o servizo telefónico do 010 era un dos poucos que existían no Concello da Coruña onde a comunicación coa veciñanza garantía a primeira recepción e atención na nosa lingua. Tratábase da lingua de contacto inicial co Concello a través deste servizo, sen prexuízo do respecto, por parte dos seus profesionais, do dereito individual a ser atendido na outra lingua oficial, sinala Veira na iniciativa.
A concelleira do BNG pon de manifesto que a práctica da oferta positiva das persoas que traballan no 010, práctica recomendada no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, animaba a moitas persoas que habitualmente falan en español a expresárense en galego, xeralizando o uso do idioma na Administración local. Porén, denuncia que esta boa práctica vén de desaparecer, xa que na actualidade cando unha persoa chama ao 010 escoita unha gravación en castelán que lle dá a opción de elixir a lingua.
Neste contexto, Avia Veira pregúntalle ao Goberno municipal por que mudou a primeira recepción e atención en galego no 010 e se a modificación ten relación coa mudanza de empresa á que se lle concedeu o servizo.
O BNG reclama que a revisión lingüística de toda a documentación oficial, incluída a ordenanza de terrazas
Ademais, a través dun rogo, a concelleira nacionalista pídelle ao Goberno municipal a revisión lingüística de toda a documentación oficial do Concello, incluída a ordenanza reguladora da instalación de terrazas. E é que a versión en galego desta normativa contén numerosos erros gramaticais.
Non se trata dun caso único, advirte Veira, senón que esta morea de grallas está a ser habitual en boa parte da documentación oficial.