O BNG entrégalle ao Goberno municipal máis de 100 propostas para mellorar Os Castros

O BNG entrégalle ao Goberno municipal máis de 100 propostas para mellorar Os Castros

A Coruña, 1 de abril de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo visitou esta mañá o barrio dos Castros convidada pola Asociación de Veciños e Veciñas de Oza-A Gaiteira-Os Castros, para lle presentar as máis de 100 propostas que a nacionalista lle vén de entregar ao Goberno municipal para mellorar o barrio. Dada a deixadez do Goberno do Sr. Negreira, as nacionalistas analizaron, durante as últimas semanas, as necesidades máis urxentes dos Castros e recolleron as propostas dos e das habitantes e da entidade veciñal. “O desleixo do Goberno municipal non nos vai frear, todo o contrario, desde o BNG tomamos a iniciativa e facemos o traballo que o Sr. Negreira e os seus concelleiros e concelleiras se negan a acometer”, sinalou Bravo en declaracións aos medios.

A concelleira do BNG, que acusou o Goberno do Sr. Negreira de esquecer Os Castros, puxo de manifesto que a meirande parte das propostas teñen a ver coa pavimentación das rúas. “O Montiño ou A Gaiteira contan con fochancas e tapóns que poñen en perigo a seguridade das persoas”, afirmou. Lembrou Bravo que, precisamente a semana pasada, unha persoa caeu e sufriu unha lesión debido ao lamentábel estado da rúa da Gaiteira. “A escasísima planificación urbanística e o desleixo do actual Goberno provocan que non se amañen as rúas, que non se coiden nin se manteñan as zonas axardinadas e que non se lles obrigue aos e ás propietarias de solares a realizar labores de mantemento e limpeza”, sinalou a nacionalista, quen salientou que “o barrio precisa, coa máxima urxencia, un tratamento urbano capaz de dar resposta á necesaria revitalización social e comercial”.

Tamén en relación coa accesibilidade e coa seguridade dos peóns, as nacionalistas propóñenlle ao Goberno municipal a instalación dun mecanismo que axude as persoas a salvar a costa da Avda dos Caídos para poder acceder ao Centro de Saúde e ao despacho de Correos. Ademais, recollen a necesidade de elevar pasos de peóns e sinais verticais de limitación de velocidade a 30 nesta mesma zona. “Trátase de proxectar un barrio para pasaealo, para vivilo como peóns, primando as persoas sobre o vehículo privado”, engadiu. Así, as nacionalistas recollen no listado das máis de 100 propostas a peonalización da rúa Monte das Moas, demanda que leva facendo o BNG desde hai meses.

Eliminación das normas restritivas da Autoridade Portuaria: “o mar debe ser un camiño de posibilidades para o lecer, para a saúde e para a economía”

Moitas das propostas recollidas polo BNG teñen a ver coa apertura do barrio ao mar, “un barrio que historicamente mantivo unha viva relación co mar”. Cargou Bravo contra as normas restritivas da Autoridade Portuaria e apelou á necesidade de que o mar “sexa un camiño de posibilidades para o lecer, para a saúde e para a economía”. A concelleira nacionalista, que chamou a acabar coas descargas a ceo aberto de carbón, sinalou que “unha das reivindicacións máis sentidas no barrio é que no proceso de transformación do porto se eviten novas barreiras que impidan a recuperación da relación co mar”.

As actuacións en materia de transporte colectivo urbano centran gran parte das propostas do BNG. E é que os e as habitantes dos Castros teñen que soportar un tráfico denso que tería solución coa mellora do servizo público de autobús. “Gastar 200.000 euros en retirar unha mediana non é o xeito de solucionar os problemas do tráfico neste barrio”, salientou. Entre as moitas propostas en materia de mobilidade, as nacionalistas propoñen unir o barrio cos centros de saúde e cos polígonos industriais, unha demanda na que insiste a Asociación de Veciños e Veciñas de Oza-A Gaiteira-Os Castros.

Bravo reclama que o Goberno municipal dialogue coa asociación veciñal, á que o concelleiro de Infraestruturas se nega a recibir

Tamén forman parte do máis dun cento de inciativas a necesidade de diálogo cos veciños e veciñas. “Este barrio destaca na cidade polo seu forte dinamismo social e se é obriga de quen goberna fomentar a participación activa da cidadanía na toma de decisións municipais que lles afectan, resulta difícil de entender que o Goberno municipal restrinxa, censure e intimide a AVV Oza-A Gaiteira-Os Castros, retirándolle unha inofensiva pancarta, e que se negue a dialogar cos hostaleiros e hostaleiras e comerciantes da Gaiteira, moi preocupados polas obras na rúa peonil.

Na mesma liña pronunciouse o presidente da entidade veciñal, Paulo Sexto, quen informou aos medios de comunicación que a AVV solicitou até en tres ocasións unha reunión co conselleiro de Infraestruturas e Urbanismo, o Sr. Fernández Prado, quen se negou a recibir a Directiva da asociación. Paulo Sexto lamentou que a asociación de veciños e veciñas no teña xeito de comunicarse directamente co concelleiro para lles remitir as eivas do barrio en materia de infraestruturas, “o Goberno municipal tennos marxinados e desatendidos”.

 

O BNG entrégalle ao Goberno municipal máis de 100 propostas para mellorar Os Castros