O BNG pide un plan industrial de carácter civil para a fábrica de armas
A Coruña, 30 de marzo de 2013.- O BNG participou esta mañá na mobilización que percorreu as rúas da cidade en defensa dos postos de traballo da fábrica de armas. Entre os alí presentes atopábanse o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, a concelleira María Xosé Bravo e o responsábel comarcal, Paulo Carballada, que volveron reivindicar un plan industrial que contemple a diversificación ao eido civil da produción da fábrica de armas, co fin de garantir os postos de traballo. Para isto, as nacionalistas consideran fundamental que a Xunta de Galiza reaccione e se poña á fronte do conflito laboral.
Lembran que a fábrica da Coruña é a única que General Dynamics vai pechar en todo o Estado, polo que lle esixen á Xunta a máxima implicación. As nacionalistas reclaman tamén a mediación do Goberno central. E é que os Ministerios de Industria e de Defensa, que están a desentenderse dos despedidos previstos pola multinacional, son os principais acredores e financiadores de General Dynamics.