O BNG pídelle ao Goberno local e á Autoridade Portuaria que non enganen o pobo no caso da Solana
A Coruña, 25 de outubro de 2014.- O Grupo Municipal do BNG pídelles á Autoridade Portuaria e ao Concello que non enganen á cidadanía, pois a calificación como dotacional público dos terreos do hotel Finisterre e da Solana non implicaba a súa expropiación polo Concello, dado que cabía cesión gratuíta de tales terreos por parte de Autoridade Portuaria, aplicando para tales efectos o disposto na Lei de Portos do Estado. Mais isto, salientan as nacionalistas, non interesaba porque entón a Autoridade Portuaria non podería facer caixa posteriormente con vendas dos terreos, razón pola que se fixo o cambiazo de dotacional público a privado, excluíndo ademais da zona de equipamento dotacional ao hotel, que pasou a ser un soar propio. No lugar de exprimir economicamente ao Concello da Coruña, manifestan as nacionalistas, Autoridade Portuaria debería ser máis responsábel socialmente coa súa cidade e comprometerse co seu desenvolvmento, cedendo gratuitamente terreos tales como os Xardíns da Mariña ou os propios do Hotel Finisterre e da Solana.
O Concello da Coruña non tíña que expropiar, dado que cabía a cesión gratuíta por parte da Autoridade Portuaria dos terreos calificados como dotacional público¡
O BNG sinala que o Goberno Local minte cando afirma que se os terreos do hotel Finisterre e da Solana seguisen sendo calificados como solo dotacional público o Concello tería que os expropiar en cinco anos e pagar por eles. E minte porque, calificado como dotacional público, o Concello da Coruña podería obter a cesión gratuíta dos terreos, tal e como se contempla expresamente na Lei de Portos do Estado e da Mariña Mercante (http://www.boe.es/buscar/act.php?id=BOE-A-2011-16467). Concretamente os seus artigos 44 e 45 (que se achegan en anexo) contemplan a "cesión gratuita dos bens desafectados" da Autoridade Portuaria e de Portos do Estado a outras "Administracións públicas e para fins de utilidade pública ou interese social".
De modo que a calificación como dotacional público dos terreos do hotel Finisterre e da Solana non implicaba a súa expropiación por parte do Concello da Coruña previo pago por eles, xa que a lei ampara a súa cesión gratuíta e por tanto Autoridade Portuaria podería cedelos gratuitamente ao Concello. Mais isto non interesaba, xa que desta maneira Autoridade Portuaria non podería facer caixa, e isto é a razón do cambiazo do PXOM no pleno de agosto de 2012, no que se pasan os terreos de dotacional público a dotacional privado, e ademais se exclúe neste cambiazo os terreos do hotel, configurándose como un soar propio, fóra xa do espazo de equipamento dotacional.
Por tanto, non hai nada absurdo no que sostén o BNG a respecto da preparación dunha venda dos terreos ao titular da concesión para resolver os problemas de financiamento de Autoridade Portuaria. E moito menos cando a propia Lei de Portos do Estado di que os cartos da venda só poden destinarse precisamente ao financiamento do seu plan de investimentos. Concretamente o art. 44.3 desta lei afirma literalmente "El producto obtenido de las enajenaciones se destinará a la financiación de las adquisiciones de inmovilizado previstas en el plan de inversiones".
O BNG exíxelle a Autoridade Portuaria compromiso e responsabilidade social co desenvolvemento da cidade para que, no lugar de exprimila economicamente, lle ceda gratuitamente ao Concello da Coruña terreos tales como os Xardíns da Mariña ou os propios do Hotel Finisterre e da Solana
Xa abonda de que a Autoridade Portuaria se aproveite tanto economicamente do Concello da Coruña, que é o que está a levar o peso do financiamento das obras do Parrote e da Mariña (máis de 2 millóns para o viario subterráneo do Parrote e 14 millóns para o viario subterráneo e a urbanización da superficie da Mariña), mais tamén do convenio de mantemento dos espazos urbanos do porto (cáseque 4 millóns), asinado hai unhas semanas coa Autoridade Portuaria.
Por esta razón, o BNG exíxelle á Autoridade Portuaria que, no canto de seguir afogando a cidade, sexa responsábel socialmente con ela e se comprometa co seu desenvolvemento, cedéndolle gratuitamente ao Concello da Coruña terreos tales como os Xardíns da Mariña ou os propios do Hotel Finistere e da Solana.