O PP teima no furor escavador co túnel da Mariña malia non haber financiamento
A Coruña, 3 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG cuestiona que o Goberno do Sr. Negreira, seguindo co furor escavador do alcalde e do presidente da Autoridade Portuaria, meta o Concello na obra do túnel da Mariña cando non está garantido o financiamento destas actuacións e cando nin sequera está garantido o financiamento das obras do Parrote.
Nesta liña, as nacionalistas, que non comparten a visión da Coruña toupeira da toupa Negreira critican que o Goberno municipal contemple que sexa o Concello quen gaste 14,5 millóns neste túnel, cuxo custo ascenderá a 16,5 millóns, e que a Autoridade Portuaria reserve tan só 2 millóns de euros. De feito, a previsión de gastos aprobada, con motivo do modificativo de crédito, pola Xunta do Goberno Local do 30 de maio, recolle xa a previsión de 14.593.387,62 millóns de euros (6 millóns no 2014 e 8.593.387,62 no 2015) por parte do Concello.
O PEPRI di que a accesibilidade da zona está suficientemente garantida nas condicións actuais
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG desbota as declaracións do conselleiro de Urbanismo e Infraestruturas, que asegurou, esta mañá, que o túnel eliminará 40.000 vehículos diarios na zona, cando o túnel podería ter un efecto chamada a máis vehículos. Precisamente, a memoria PEPRI advirte, na súa páxina 31, que cómpre garantir que a implantación do novo vial soterrado non se converta nun efecto chamada ao tráfico. Cabe entender que a accesibilidade ao ámbito está suficientemente garantida nas condicións actuais; e o obxectivo global do Plan Especial, respecto da ordenación do tráfico, é a redución do número de vehículos que acceden á cidade. Polo tanto debe entenderse que a implantación do novo vial soterrado non é a resposta para a resolución dun problema de conxestión viaria, inexistente no ámbito, senón que debe responder basicamente á recuperación da calidade urbana no espazo público de superficie.