A aposta do Sr. Negreira pola peonalización é a recollida no PEPRI: o negocio dos aparcadoiros
A Coruña, 14 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a aposta do Goberno do Sr. Negreira en relación coa peonalización e co estacionamento é a que xa se recolle no PEPRI inicialmente aprobado: o negocio dos aparcadoiros de pago. As medidas recollidas neste documento evidencian que o plan de peonalización da Cidade Vella está pensado para o negocio dos aparcadoiros en superficie (ORA) e os aparcadoiros de pago, sinaladamente o do Parrote de Copasa, e non para a mobilidade dos peóns.
Así, as directrices do PEPRI están encamiñadas non para eliminar o tráfico de vehículos senón para reordenar a circulación e reconducilo para os aparcadoiros que hai que pagar. De feito, o PEPRI propón unha reordenación da circulación viaria, aproveitando os multimillonarios túneles da Mariña-Parrote, ao mesmo tempo que se fai unha nova distribución dos aparcadoiros na rede viaria e se deriva aos aparcadoiros de pago.