O BNG pide que a obra de Luís Seoane fique na fundación que leva o seu nome
A Coruña, 15 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou un rogo (achégase xunto á nota) en que empraza o Goberno do Sr. Negreira a defender que a obra de Luís Seoane fique depositada na fundación que leva o seu nome e que ten a súa sede na Coruña. Pide tamén o BNG que o Concello da Coruña se dirixa á Xunta de Galiza para que evite que o patrimonio cultural e artístico das caixas fique fóra do país a raíz do proceso de venda imposto polas autoridades españolas.
A concelleira María Xosé Bravo pon de manifesto que da comisión das caixas que tivo lugar no Parlamento de Galiza evidenciouse que o destino da colección de arte das caixas continúa a ser incerto. Advirte de que non se adoptaron medidas ningunhas para protexer o futuro dun patrimonio que pertence a Galiza, malia que a colección de arte podería acabar fóra do país de ser adquirida por un fondo de investimento.
Mentres a obra artística de Caixanova fora adquirida a través da Fundación, a de Caixa Galicia é propiedade da entidade financeira. Isto significa que despois da bancarización, queda en mans de Novagalicia Banco e o seu destino depende da decisión do FROB sobre a súa venda, alerta Bravo. Así unha das principais coleccións de arte galega, con obras de Castelao, Seoane, Maruxa Mallo, Laxeiro ou Leiro, dun patrimonio de incalculábel valor, ademais dunha importante mostra de arte contemporánea internacional, podería acabar fóra do país. Trátase dunhas 1500 obras de 170 artistas.
As obras de Luís Seoane, na Coruña
A concelleira do BNG insiste na necesidade de que as obras de Luís Seoane queden na fundación que leva o seu nome. Advirte de que as pinturas de Seoane coas que contaban as caixas ascenden a trinta, entre elas, O cristo obreiro, unha das obras máis emblemáticas do autor, unha obra cargada de historia e significado. E é que cando Franco asinou as derradeiras sentenzas de morte, de membros da ETA e do FRAP, sucedéronse protestas por todo o territorio. O crego Manuel Espiña fixo o propio desde o púlpito e foi multado con 150.000 pesetas. Luís Seoane, amigo do cura, dooulle esta obra para que a levara a poxa e pagara a sanción. Finalmente, conseguiu os cartos a través dunha colecta e o cadro ficou na igrexa do Padre Espiña, até que no 2005 foi adquirido por Caixanova.
María Xosé Bravo lembra que o Grupo Municipal do BNG presentara unha moción nestes termos (achégase en arquivo xunto) no Pleno de decembro de 2011. Porén, o Partido Popular impediu que a moción das nacionalistas se chegase a debater.