A minicentral de Cecebre: de ser "ciencia ficción", segundo o PP, a ser unha realidade
A Coruña, 14 de xullo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que mentres o Partido Popular acusaba as nacionalistas de facer ciencia ficción coa minicentral de Cecebre, tramitaba este proxecto. Precisamente, no Pleno ordinario do 12 de setembro de 2012 , a unha pregunta oral formulada polo portavoz do BNG, Xosé Manuel Carril, o Sr. Flores cualificaba a exposición do nacionalista sobre a minicentral como unha buena novela de ciencia ficción e engadía, sí señor, le felicito. Así o recolle a acta desa sesión plenaria (achégase un extracto xunto á nota).
O portavoz do Goberno municipal apuntaba entón se trata de una minicentral que no se llegó a desarrollar porque prevaleció el interés público del suministro de agua sobre el interés privado y que tras la firma del convenio entre la Xunta y este Ayuntamiento, seguirá sin construirse, señor Carril, que le quede claro. Continuaba o Sr. Flores que el único objectivo del BNG en la oposición es sembrar cizaña. Lo único que pretenden es embarrar el terreno de juego... mire, cada vez que hay una buena noticia para la ciudad, al BNG le sale un sarpullido... El BNG ha demostrado que si hubiera un premio de anticoruñés del año seguramente se lo llevarían en todas las ediciones.
Só un mes despois desta intervención do Sr. Flores, a empresa, Minicentrales Eléctricas de Galicia, presentaba na Consellaría o documento do proxecto de instalación as liñas de media tensión que conectarán a futura minicentral co tendido eléctrico de Fenosa. É dicir, o Goberno municipal do Partido Popular estaba mentíndolle descaradamente á cidadanía. Finalmente, en maio de 2013, a Consellaría de Medio Ambiente lle daba o visto e prace á empresa a través dunha resolución na que se sinala que non é previsíbel que o proxecto vaia producir impactos adversos significativos", e iso, malia saber, que se trata dunha zona protexida.
Os intereses da concelleira de Cultura nesta minicentral
As nacionalistas lembran que a empresa Minicentrales Eléctricas de Galicia está participada na súa maior parte polo Grupo Fergo Galicia, empresa matriz do hólding que posúe a familia da concelleira de Cultura, Ana Fernández. Ao Grupo Fergo Galicia tamén pertence Minicentrales Bouza Vella, compañía na que a concelleira de Cultura, posúe o 16% do capital.
O Grupo Municipal do BNG xa denunciara que Minicentrales Bouza Vella realizara unha Xunta Xeral de socios o pasado 28 de xuño de 2012 e que, por aquel entón, a Sra. Fernández asistiu á Xunta como socia e como administradora. Porén, a edila de Cultura, que conta cunha dedicación exclusiva, nunca chegou a solicitar a compatibilidade co exercicio do cargo de administradora das sociedades, actividade privada que é incompatíbel co desenvolvemento dun cargo de administrador dunha sociedade, como sinala o art. 75.1 da Lei 7/1985 de Bases de Réxime Local, nin tampouco informou de tal cargo na empresa na súa declaración de bens e intereses publicados polo Concello.