O BNG esixe unha solución definitiva ás descargas a ceo aberto no porto

O BNG esixe unha solución definitiva ás descargas a ceo aberto no porto

A Coruña, 16 de xullo de 2013.- O grupo de barrio do BNG Oza-Os Castros amosa o seu apoio público e solidariedade coa Asociación veciñal Oza-A Gaiteira-Os Castros, e con toda a veciñanza, pola batalla que manteñen por mellorar a calidade do aire no barrio, calidade que se ve moi afectada polas descargas de carbón e outros graneis. A loita que o barrio mantén contra as descargas de carbón son unha mostra de dignidade dos veciños e veciñas que non se resignan nin calan a boca, que teñen dereito a ter un aire limpo e libre de contaminación, e que deberían ter o apoio das administracións, mais non é así.

 

O grupo de barrio cualifica de “totalmente escandaloso” o papel das administracións, Concello e Xunta de Galiza, que en lugar de estar do lado dos veciños e veciñas, vixiando as actividade do porto para que se fagan cumprindo toda a lexislación ambiental, e sancionando cada vez que haxa un incumprimento, ollan para outro lado para que a Autoridade Portuaria poida facer e desfacer segundo lle conveña. Despois dos anos de loita que o barrio mantén contra unhas descargas que afectan gravemente á saúde, as administracións non teñen feito nada e o barrio segue a verse inundado de polución cada pouco tempo, advirte o grupo de barrio do BNG Oza-Os Castros.

 

Ademais, as nacionalistas poñen de manifesto que as descargas poden facerse en mellores condicións, o que reduciría en gran medida a emisión de contaminantes e partículas. Porén, sinalan que se está a primar o negocio e o beneficio económico. Se en cada operación de descarga de materias perigosas para a saúde se vixiase que se fai con todas as medidas de prevención posíbel, a situación hoxe sería ben distinta, advirten. É evidente, expoñen, que se as administracións cumprisen coa súa función, teriamos mellorado moito nestes últimos anos. Cómpre poñer a saúde dos veciños e veciñas por diante do beneficio económico e non ao revés, tal e como acontece agora, conclúe o grupo de barrio do BNG Oza-Os Castros.

 

O BNG esixe unha solución definitiva ás descargas a ceo aberto no porto