O BNG pide nunha moción estabelecer o 24 de xuño festivo local en substitución do Día do Rosario
A Coruña, 26 de xuño de 2013.- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá unha moción para o seu debate no próximo Pleno ordinario de xullo co fin de que o Concello da Coruña estabeleza o 24 de xuño como festivo local permanente, e non circunstancial nin puntual, en substitución do Día do Rosario, dado o enraizamento e a grande acollida que ten na nosa cidade o San Xoán, solsticio de verán, que se vén celebrando desde o pasado máis remoto.
O Grupo Municipal do BNG advirte na moción de que a normativa actual, o Real Decreto 2001/1983, estabelece que dos 14 feirados que hai ao ano, 2 son elexidos por cada concello, e dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigado e tres poden ser substituídos polas autonomías. Ademais, se algún deses festivos cae en domingo, a autonomía pode substituílo ou ben polo luns seguinte ou por outro día que elixa a propia comunidade autónoma. Ao caer este ano o 6 de xaneiro e o 8 de decembro en domingo, a Xunta de Galiza elixiu como festivo alternativo o 24 de xuño. Porén, a Xunta de Galiza decidiu que o 24 de xuño de 2014, que coincide en martes, non sexa festivo e sexa un día laborábel.
Explican as nacionalistas que a propia Xunta de Galiza ten sinalado, en resposta a preguntas do Grupo Parlamentar do BNG, que hai que estar ao que digan os Concellos, en relación co clamor popular de fixar o 24 de xuño como festivo a efectos laborábeis. Por iso, o Grupo Municipal do BNG considera que debe ser o Concello da Coruña quen lle dea unha solución permanente e non puntual para que o 24 de xuño sexa, a partir de agora, festivo local, tal e como defende a inmensa maioría das persoas que viven na Coruña e mesmo os sectores económicos da cidade.
O Grupo Municipal do BNG espera que o alcalde da Coruña escoite o clamor popular e permita que o 24 de xuño, unha festa de marcado carácter pagán, galego e de barrios, que goza dun gran éxito ao longo da Coruña, sexa festivo, en substitución do Día do Rosario, xa que nos atopamos nun Estado aconfesional. Sinalan as nacionalistas que é máis acaído ter como feirados o 24 de xuño, que á marxe de ser San Xoán, é unha festa pagá de celebración do solsticio de verán, e o martes de Entroido. Ademais, poñen de manifesto que o Día do Rosario, que podería celebrarse en domingo, non ten tanto seguimento popular como o martes de Entroido nin como o San Xoán.
O BNG formulará unha pregunta oral para que o Goberno municipal teña que posicionarse necesariamente
De tombar o PP o debate desta moción do BNG, o Goberno municipal non podería evitar dar o seu posicionamento sobre esta proposta para fixar o 24 de xuño como festivo a nivel local. E é que as nacionalistas formularán unha pregunta oral para saber se o Goberno do Sr. Negreira vai implantar o 24 de xuño como xornada festiva na nosa localidade.
As nacionalistas lembran que o pasado ano, a Xunta de Goberno Local aprobou os festivos municipais o 21 de setembro de 2012, polo que o Goberno do Sr. Negreira estaría a tempo de adoptar os mecanismos oportunos para aceptar a propostas do BNG, que recolle a demanda da inmensa parte da cidadanía da Coruña.