O BNG pide acondicionar os solares que hai entre a Avenida Novo Mesoiro e a rúa dos Ancares
A Coruña, 26 de xuño de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo vén de presentar unha batería de preguntas escritas sobre os solares sen urbanizar entre a avenida de Novo Mesoiro e a rúa os Ancares, no polígono residencial Novo Mesoiro, e os entullos, tubaxe e canos de cable a ceo aberto destas fincas. A edila nacionalista pon de manifesto que a veciñanza de Novo Mesoiro lle transmitiu a súa preocupación polos entullos de cascallos e vidros ciscados nesta zona, así como polos cables eléctricos á vista, que son un perigo potencial.
Advirte María Xosé Bravo que ao carón deste espazo existen zonas de lecer e de xogos infantís que son empregadas por moitas familias de Novo Mesoiro e alerta de que tamén é a zona contigua de paso cara a diversas infraestruturas do barrio como o Pavillón de Deportes e o Centro Cívico Municipal. A situación destes solares sin urbanizar provoca que exista unha evidente alarma pola falla de seguridade e de limpeza e hai altas posibilidades de que en calquera momento se produza un accidente, afirma na exposición de motivos da iniciativa.
Tamén existe preocupación entre a veciñanza, sinala, pola falta de limpeza da vexetación que medra entre a avenida de Novo Mesoiro e a rúa dos Ancares. De feito, apunta que nos últimos meses houbo un crecemento de arbustos, silveiras e outras herbas que serven de amparo e acubillo de ratos, ratas e réptiles. Advirte, ademais, de que supón un evidente perigo agora na época de calor por risco de incendio.
Neste contexto, a concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se é coñecedor da situación destes solares e se vai tomar algunha medida para que estes solares sexan acondicionados de xeito que non representen un perigo para a veciñanza e, en concreto, para a infancia, tendo en conta a zona de xogos infantís que hai a escasos 20 metros. Tamén se interesa polas medidas que ten previsto adoptar.